Catro erros de M. Rajoy

En menos de dous meses rexistrouse unha dupla derrota de Mariano Rajoy:a primeira tivo lugar a mans da triunfante moción de censura promovida por Pedro Sánchez e a segunda verificouse mediante o descarrilamento da candidatura de Saenz de Santamaría á presidencia do PP.

Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 31/07/2018

Comparte esta noticia
Rajoy, que foi un dos tres presidentes que, dende 1977, puido gozar dunha maioría absoluta no Congreso (os outros dous: González e Aznar), sucumbiu ante un cúmulo de circunstancias que provocaron a súa saída abrupta do poder e unha  indisimulada sensación de fracaso.
 
A pesar de que os seus  apoloxetas descríbeno como a inxusta vítima dunha conspiración “ frankestiniana” contra a súa figura, non é imposíbel atopar erros moi notábeis na estratexia política que seguiu dende a súa chegada á Moncloa.Hai catro que teñen especial relevancia:
 
I)O tratamento da corrupción.Sempre  infravalorou a transcendencia desta cuestión e elixiu o camiño xudicial como a única ferramenta que cabía aplicar.Con el non podía suceder o que viviu A. Merkel no seu goberno:a dimisión inmediata dun ministro de Defensa ao transcender que copiara unha parte da súa tese de doutoramento.O  calvario que representou  Bárcenas -e o resto da colección de imputados- non se resolveu mediante a asunción de responsabilidades políticas porque nunca creu que sufriría unha penalización electoral insoportábel por ese asunto.
 
II)A pasividade e falta de iniciativas políticas na crise de Cataluña.Para a historia ficará unha estatística demoledora:cando Rajoy chegou ao goberno, o independentismo movíase na contorna do 25% das preferencias electorais; no momento de abandonalo, a porcentaxe atópase no 47%.Ademais da problemática mochila histórica que portaba (impulsar o recurso contra o Estatut ante o  TC,  condimentado cunha recollida de asinaturas populista por boa parte da xeografía española), non quixo ou non soubo atopar fórmulas de entendemento co  govern da Generalitat cando estaba presidido por Artur Mas (desaproveitou a ocasión de pactar un sistema de financiamento específico para a Facenda catalá).Cando acometeu unha rectificación parcial -a famosa “operación diálogo” encomendada a  Santamaría- xa era demasiado tarde e tiña un competidor -o partido de A. Rivera- que lle comía o seu espazo electoral en Cataluña e ameazaba con facelo noutros territorios do Estado.
 
III)A crenza  dogmática nos efectos benéficos automáticos da mellora do cadro macroeconómico.Apostou por un  siloxismo de nidio cheiro burocrático:se o PIB medraba e as cifras de emprego cambiaban a súa tendencia descendente iso ía supoñer un cambio na percepción da crise por parte da maioría da sociedade.Semellante formulación facía abstracción da forte desigualdade provocada pola conxunción de tres circunstancias lesivas:maior precariedade laboral, forte descenso salarial e diminución da carteira de prestacións públicas polos rebaixas rexistradas nos orzamentos xerais do Estado.
 
IV)Durante moitos anos, Mariano Rajoy consentiu a evidente confrontación entre  Santamaría e  Cospedal a pesar de que ambas ocupaban importantes responsabilidades no goberno e no partido.A falta de dilixencia presidencial nesta controversia soterrada non tivo consecuencias prácticas mentres o PP dispoñía dun poder institucional absoluto pero foi un factor  desestabilizador moi notorio no desenvolvemento do recente Congreso e posibilitou o triunfo do candidato -Pablo Casado- que cuestionaba de facto o legado do ex-presidente.
 
 
Catro erros que conduciron ao funeral político do persoeiro que exerceu durante moitos anos un liderado  incontestado na organización tradicional da dereita española.
 

Rajoy no Congreso dos Deputados
Rajoy no Congreso dos Deputados | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.