O PPdeG non está tan unido como parecía

O proceso sucesorio dentro do Partido Popular puxo en evidencia a existencia de diferencias importantes en Galicia e, sobre todo, que o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, non ten o control absoluto do seu propio partido.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 29/07/2018 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

O proceso de primarias do Partido Popular deixa un gañador, Pablo Casado, pero un partido dividido. Por moito que se empeñen os dirixentes populares en indicar o contrario, o feito de que Soraya Saénz de Santamaría aínda estea fora dese novo PP evidencia que as feridas dentro da familia popular seguen supurando.

Casado venceu cun 57% dos votos que, finalmente, non foron tantos como parecía, tendo en conta que o resto dos candidatos que se presentaron ás primarias acabaron decantándose por el. E o certo é que Casado non foi o gañador, senón que gañou a fronte anti Soraya. E con toda esa oposición, a  ex vicepresidenta fíxose co 43% dos votos e, precisamente, esa porcentaxe, que non é pequena, é a que insiste en que ten que ter no novo PP de Casado. Uns números que o novo presidente popular xa dixo que non eran os seus.

Así que o PP de Casado comezou a engraxar sen a beizón de Soraya, nin tampouco, de moitos dos que apoiaron á ex vicepresidenta. Unha guerra interna que tamén chegou a Galicia por moito que Feijóo insistan e negar as evidencias.

E o certo é que se algo demostrou este proceso é que o propio Feijóo non controla ao seu partido en Galicia, a pesar de que era el o chamado, nun comezo, a suceder a Rajoy. A decisión de José Manuel Baltar de apoiar públicamente a Soraya Sáenz de Samaría botou por terra a súa calculada estratexia de aparecer como o home do consenso dentro do PP. A decisión do presidente da Deputación de Ourense precipitou os acontecementos e provocou movementos importantes na dirección do PPdeG.

Diego Calvo, Feijóo e Rey Varela nun acto do partido
Diego Calvo, Feijóo e Rey Varela nun acto do partido | Fonte: DF

OS AFÍNS DE FEIJÓO TIVERON QUE "MOLLARSE"

Finalmente, os dous dirixentes provinciais afíns a el, Diego Calvo na Coruña e Alfonso Rueda en Pontevedra tamén se tiveron que mollar e pedir o voto para Casado, ante o temor de que esa “indefinición” do seu líder ou do PP de Galicia, puidera supoñer un batacazo para a lista de Casado. E foi esa mobilización final dos afíns de Feijóo na Coruña e en Pontevedra o que decantou o peso de Galicia cara o novo líder popular.

O proceso de primarias do PP demostrou que a Galicia urbana e a Galicia rural están fracturadas, como na época final de Fraga, cando houbo a loita entre os da boina e os do birrete. E tamén demostrou que o PP duns e doutros é ben diferente. Gañaron os urbanitas e teñen a tres dirixentes na nova dirección do PP, pero as feridas en Galicia seguen abertas.

BARREIRO, TOCADO

Desta batalla saíu prexudicado José Manuel Barreiro, que se mobilizou por Soraya. Un feito que lle custou o posto de voceiro no Senado. Tamén sae tocado o PP de Lugo, dividido entre os barreiristas e os afíns a Elena Candia, que mantivo unha calculada indefinición. Tamén quedan nun limbo dentro do PPdeG os "marianistas" que aposataron claramente por Soraya, como é o caso de Pilar Rojo ou de Millán Mon, que tamén será apartado das súas responsabilidades no grupo popular en Bruxelas.

A quen non lle afecta o que acontece no novo PP de Casado é a Baltar que, a pesar de ser o primeiro que dinamitou a falsa imparcialidade do PP galego, seguirá dominando, sen oposición, o seu feudo en Ourense. E iso, a pesar dos intentos de Feijóo de meterlle man co nomeamento de Ana Belén Vázquez como voceira de Emigración. Tampouco lle afecta ao dirixente ourensán o masivo control que o presidente da Xunta fai dalgúns medios de comunicación, especialmente, de La Voz de Galicia.

Precisamente, e tras o fracaso desa suposta neutralidade do PP de Galicia, Feijóo non tivo outro remedio que botar de imaxinación para suliñar que, precisamente, o bo do “seu PP” era dar liberdade de voto no proceso. Algo que non sucedeu noutras agrupacións e territorios populares con peso no partido que se decantaron case maioritariamente por algún dos dous candidatos.

OS ARGUMENTOS "OFICIAIS"

Ese mesmo argumento é o que tamén utilizan os seus afíns. Este mesmo domingo, Alfonso Rueda suliñaba que tras a vitoria de Casado o partido en Galicia "non necesita integracións" porque está unido e se evidenciou "a fortaleza en que cada un faga o que estime máis conveniente", a diferenza do sucedido "noutras comunidades".

Rueda rexeitou que o núcleo duro do PPdeG se teña decantado maioritariamente por Casado e insistiu na "absoluta liberdade" de voto dos seus compromisarios, xustificando que a súa decisión persoal de comunicar a súa preferencia permitiulle quedar "máis tranquilo", xa que moitas persoas "preguntaban que opinaba".

"Aquí é un partido suficientemente forte para que cada un diga o que considere pertinente mesmo publicamente", agregou, tras pór, como exemplo, ao presidente provincial de Ourense que "tiña outra opinión" diferente á dos seus homólogos en Pontevedra e A Coruña.

Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo no Consello da Xunta
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo no Consello da Xunta | Fonte: Xunta.

Quen si recoñeceu as diferencias foi o voceiro do PP no Parlamento, Pedro Puy que indicou que "todos os procesos congresuais poden frustar as expectativas dalgunha persona", aínda que, ao seu xuízo, "en liñas xerais, unha das cousas positivas é que o novo presidente fixo un esforzo de integración".

José Manuel Baltar
José Manuel Baltar | Fonte: elconfidencial.com
PABLO CASADO PRESIDENTE DO PP. PP
PABLO CASADO PRESIDENTE DO PP. PP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 GrazasBeiras

Coincido bastante. Se cadra menos no do masivo control de LVG. O sabonismo é partidario do partido condenado por corrupción de seu. Non precisan control ningún. A dirección fai o que fai porque lle peta e os asalariados tm saben o que hai. Supoño que o partido condenado por corrupción ten abondo con menos da metade dos galegos para manter o poder así que se pode permitir estas movidas. Parabéns por este contido de calidade, en serio.

1 Gamela

Unha boa análise da "realidade" do PP !!! Como é lóxico en calquera organización existen puntos de vista (ou de cegueira) que semellan ser DIVISIÓNS pero non esquezas que o PP (e tamén o PSOE) teñen clara unha cousa: "os cartos son para nós" // E ante isa realidade pragmática calquer diferenza entre boinas e birretes esmorece!!! Para min o problema urxente está na "esquerda" que pensa que as diferenzas ideolóxicas ou de "programa" son a cuestión fundamental mentras se acollen ao mesmo principio dos partidos tradicionais: "os cartos son para eles" // Velaí a cuestión que debera preocuparnos se queremos efectivamente mudar de "realidade" : "os cartos deberan ser para todos" (?) (non coñecezo outro sentido do republicanismo!) https://i.gal/gamela05