Catro de cada dez galegos está por baixo da pensión mínima

Segundo datos do 2016, máis de trescentos mil persoas en Galicia tiveron que vivir con pouco máis de 700 euros mensuais. E é que a contía das pensións galegas é un 11% inferior á media estatal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/07/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A contía media das pensións galegas, 12.273 euros, é un 11% inferior á media estatal. Ademais, catro de cada dez están por baixo da pensión mínima. Isto significa que, segundo datos do 2016, 310.793 persoas que tiveron que vivir con pouco máis de 700 euros ao mes, ou o que é o mesmo, 8449 euros anuais. Son os datos dun informe da Secretaría de Emprego de CCOO de Galicia que leva por título "As pensións galegas segundo as fontes tributarias".

Pensión, pensións, xubilación, pensionista, xubilado, xubilada, xubilados
Pensión, pensións, xubilación, pensionista, xubilado, xubilada, xubilados

Para a elaboración deste documento, CCOO baseouse no informe sobre "Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias", elaborado pola Axencia Tributaria (AEAT). Consiste nunha estatística censual que recolle información de todas as persoas que ao longo do ano tiveron relación tributaria coa Axencia por retencións no IRPF motivadas en salarios, pensións ou prestacións por desemprego. Os datos utilizados son os do ano 2016, últimos publicados.

Así pois, no ano 2016 percibiron unha pensión en Galicia 791 884 persoas, cunha contía media de 12.273 euros. Segundo a estatística da AEAT, produciuse un incremento do 0,05 % no número de persoas pensionistas e do 2,5 % na contía media da pensión. Segundo CCOO, o crecemento da pensión non se debe ao incremento aprobado polo Goberno, que foi unicamente do 0,25 %, senón ao efecto substitución, dado que, polo momento, a contía media das novas pensións é superior á contía media das pensións que son baixa no sistema.

Con todo, o diferencial entre ambas é cada vez menor, polo incremento das persoas con carreiras laborais incompletas e a redución que están a ter as bases de cotización como consecuencia da precarización laboral e dos recortes salariais sufridos polo persoal nos últimos anos.

AVELLENTAMENTO E FENDA DE XÉNERO

Os datos sobre as pensións tamén reflicten o avellentamento da poboación galega: malia que Galicia só ten o 5,8 % dos habitantes de España, reúne o 8,2 % das persoas pensionistas. Por outra banda, as pensións galegas teñen faciana de muller: perciben o 51,7 % e a súa contía son o reflexo da diferente vida laboral de homes e mulleres. A pensión media das mulleres equivale ao 71,2 % da dos homes e adoita ser inferior á deles en todos os tramos de idade agás no que vai dos 25 aos 35 anos.

DESEÑAR UN NOVO MODELO DE RELACIÓNS LABORAIS

"Os datos analizados reflicten a grave situación do mercado laboral galego e da poboación pensionista. As políticas de axuste aplicadas coa escusa da crise precarizaron o emprego e debilitaron o noso feble estado de benestar", comenta CCOO. Na súa opinión, cómpre derrogar as reformas laborais e de pensións e deseñar un novo modelo de relacións laborais acorde coas novas realidades e que reequilibre a posición das traballadoras fronte ao poder empresarial.

Segundo o sindicato, "é preciso tamén desenvolver políticas que permitan que a reactivación da economía se traslade á consolidación e modernización do noso tecido produtivo e á creación de emprego de calidade". Desta maneira, entende que se deben artellar políticas activas de emprego dirixidas a incrementar a empregabilidade do persoal e a reducir a taxa de paro, "e non ao servizo das empresas"; así como "frear a saída de mozos e mozas e promover o retorno dos que partiron".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta