GALERÍA DE FOTOS: Curtis, o pobo que regresou ao ano 1900 por un día

Como serían as feiras nos seus inicios, alá polos primeiros anos do século XX? O rebulir de xente que se xera hoxe nas vilas ese día sagrado de feira ten moita historia ás súas costas. Por iso, Curtis quixo vestirse de época e rememorar a trasfega de artesáns e comerciantes que a vila viviu dende a chegada do ferrocarril. As vestimentas, os postos, os cantares de cego, os cativos repartindo o xornal... non faltou detalle!

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 01/08/2018 | Actualizada ás 22:32

Comparte esta noticia

Igual ca outras moitas vilas galegas, Curtis xurdiu ao redor dunhas vías do ferrocarril. Pouco a pouco, a xente - moita dela comerciante - foi facendo daquel espazo deserto o seu lugar para vivir. Xente de aquí e dacolá que chegaba no tren a aquela estación principiante e decidía montar o seu negocio e construír o seu lar no pobo. "Coma os pioneiros do oeste!", conta riseira Dolores Vázquez, unha das veciñas de Curtis. 

Unha familia do 1900 pasea pola feira
Unha familia do 1900 pasea pola feira

A historia familiar desta muller, ademais de curiosa, é ben representativa. O seu avó, sen nada que envexarlle a eses pioneiros do oeste, chegou a Curtis de casualidade. El traballaba nas minas de Canfranc e cando quixo volver para a súa casa en Palas de Rei pasouse de estación e espertou en Curtis. "Baixou do tren e botouse a andar. Como tiña moito tempo antes de coller o seguinte tren, pensou en barbearse, pero non atopou tal barbaría. Así que regresou á súa casa e trouxo a súa familia a Curtis para montar aquí o seu salón de peiteados", recorda Dolores. 

Tal como lle aconteceu ao avó de Dolores, aconteceulle a outra moita xente. Así pois, foise convertendo nun pobo de comercio que abastecía a toda a xente das aldeas da redonda. O ambiente era totalmente propicio para a feira, por iso hoxe en día, segue sendo unha tradición con moito arraigo. Mais os tempos mudaron, e aínda que a feira segue sendo un punto de socialización e un impulsor do comercio das vilas, vívese ben diferente unha feira actual ca unha de 1900. Estes encontros teñen unha longa historia detrás e a Asociación de Comerciantes de Curtis non quixo pasala por alto. Por iso levan tres anos consecutivos celebrando a feira "Curtis na lembranza". 

Unha feira que engalana a rúa principal da vila. Por ela pasean bois nos carros, cabalos, mozos repartindo os xornais, gaiteiras e pandeireteiras, afiadores, os cegos e os seus cantares, gardas civís - dos de tricornio e capa -, mozas, rapaces, cativos e maiores vestidos coma nos tempos artergos... Non falta detalle. Ás beiras da calzada faise oco o oleiro, as tecedoras, o pataqueiro, o canteiro, o tallador da madeira... Semella que o pobo viaxou no tempo 118 anos da noite para a mañá. Detrás de todo isto, hai moito traballo e moitas persoas involucradas. "O máis importante é falar coa xente maior, que é a que nos aporta os recordos e a que nos leva á esencia da feira de 1900", di Marisa, outra das organizadoras da festa. 

"Nunca tanta xente viu Curtis", séntese dicir na rúa. Outros contan que "Curtis é a vila por onde todo o mundo pasa e ninguén para". E é que hoxe en día, un encontro coma este, "do pobo e para o pobo" - di Dolores-, recupera esa tradición de días de feira con enchenta de xente. Esta veciña criouse nun ultramarinos, "entre froita", e recorda ben o rebulir da xente cando era cativa e moza: "a feira vivíase moito, o ir e vir dos veciños, os coches, os camións, os animais... o conto de mercar os churros e verte coa xente". Aínda que Curtis mantén dous días de feira ao mes, esta de 1900 é diferente: recupera a esencia do que acontecía nas rúas daquela época. 

"É moi bonito ver o pobo cheo de xente e os nenos correndo polo medio da rúa sen coches nin preocupacións", conta Dolores. O certo é que a vila conseguiu un ano máis o que pretendía: volver xuntarse, porque tal como recorda Marisa, "hai quen só regresa a Curtis neste día". E ademais, cumpriron coa teima de recuperar a historia e a cultura do pobo, "de preservar a tradición e dala a coñecer a quen xa non a lembra", pensa Marisa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta