Máis de 80 colexios contarannos o seu día Día das Letras

Centros educativos de toda Galicia participaron nesta segunda edición de Contádenos o voso Día das Letras, un concurso organizado pola Real Academia Galega ao que se presentaron unha relación de traballos sobre María Victoria Moreno.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/07/2018 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

Oitenta e dous centros educativos de toda Galicia participaron na segunda edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras, convocado pola Real Academia Galega no marco do proxecto web Primavera das Letras, que fornece a comunidade educativa de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada o 17 de maio. A
relación de traballos sobre María Victoria Moreno premiados darase a coñecer no mes de setembro e os galardóns serán entregados nun acto que terá lugar na sede da institución o vindeiro outubro.

María Victoria Moreno
María Victoria Moreno

A RAG puxo en marcha o concurso Contádenos o voso Día das Letras en 2017, cadrando co Día das Letras Galegas dedicado a Carlos Casares. Na primeira edición participaron 70 centros educativos, cifra que sobe desta volta ata os 82, o que representa un incremento do 15%. Preto da metade dos colexios que participan nesta ocasión son da provincia da Coruña. Outros 25 son da provincia de Pontevedra e Lugo e Ourense están representadas a través doutros 9 centros educativos cada unha.

Contádenos o voso Día das Letras foi concibido co obxectivo de coñecer e difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade e premiar a súa implicación na divulgación da lingua e a cultura galegas. As experiencias desenvolvidas polo alumnado co apoio do profesorado que concorren nesta ocasión abranguen desde representacións teatrais e espazos informativos arredor da vida e a obra de María Victoria Moreno, a protagonista das Letras Galegas 2018, ata actividades de expresión plástica, musical e literaria. Todas elas foron recompiladas na sección dedicada ao certame de Primavera das Letras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta