Temas: CALOR VERáN

A onda de calor chega a Galicia con temperaturas superiores a 40 graos

Comezará na provincia de Ourense, onde se prevé que se alcalden os 41 graos, e estenderase o venres ao resto de galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2018 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia alertou dun episodio de temperaturas máximas de nivel laranxa que dará comezo na provincia de Ourense este xoves, con previsión de que se alcancen até 41 graos, e que se estenderá desde o venres ao resto de Galicia. Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía, o fenómeno adverso comezará a partir das 13,00 horas do xoves na zona do Miño, na provincia de Ourense, e estenderase ao suroeste da Coruña.

Calor. Europa Press - Archivo
Calor. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Tamén se rexistrará a partir do venres na zona do Miño, interior e Rías Baixas --provincia de Pontevedra--, ao sur de Lugo e na zona de Valdeorras e montaña ourensá. Poderanse alcanzar até 41 graos en Ourense, chegando nas outras provincias a valores de entre 38 ou 39 graos centígrados.

RECOMENDACIÓNS PARA PROTEXERSE DA CALOR

Para protexerse da calor, Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e outras que estean moi azucaradas. Ademais, recoméndase comer verduras e froitas en abundancia e evitar as comidas copiosas.

No que respecta á vestimenta, desde a Xunta de Galicia lembra que convén utilizar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios aconséllase permanecer, na medida do posible, en espazos ventilados ou acondicionados e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, aconséllase o uso de ventiladores ou aparellos de aire acondicionado.

Nos momentos de maior calor, recoméndase refrescar o corpo cunha ducha ou con baño de auga morna. Ademais, indícase que se deben evitar as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado. No exterior dos edificios evitarase, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a anciáns.

RECOMENDACIÓNS SE SE ACODE Á PRAIA

No caso de que se acuda á praia convén tomar o sol de forma progresiva durante os primeiros días, evitando as horas do mediodía e as primeiras da tarde. Ademais, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. En relación ás cremas de protección, utilizaranse as que teñan un índice non inferior a quince, aplicándoas 30 minutos antes da exposición e renovándoas cada 2 horas. Ademais, convén protexer aos nenos con gorra e camiseta opaca.

AVISO AMARELO ESTE MÉRCORES EN PUNTOS DA METADE SUR DE GALICIA

Xa durante este mércores, o servizo de Meteogalicia activou o aviso amarelo ante a chegada dunha masa de aire cálido desde o norte de África, que provocará un aumento significativo das temperaturas en puntos da metade sur da comunidade galega. Así, están previstas máximas ao redor dos 34 graos na zona de Miño na provincia de Pontevedra, e superiores aos 36 na contorna do Miño na provincia de Ourense, entre as 15,00 e as 21,00 horas.

Temas: CALOR VERáN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta