Temas: CRTVG CENSURA

Denuncian ameazas de despedimento a unha xornalista por reivindicar a pluralidade na CRTVG

Os sindicatos consideran que a Corporación expedienta a Tati Moyano por mencionar as mobilizacións do persoal contra a manipulación mentres presentaba de xeito altruísta unha gala benéfica contra o cancro á que asistía o presidente da Xunta.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/08/2018 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O comité de empresa da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) denuncia que "a dirección está a represaliar" a presentadora Tati Moyano —que renunciou, canda Alfonso Hermida, a seguir presentando o Telexornal— "por terse posicionado publicamente a prol da pluralidade e a imparcialidade nos medios públicos e contra a férrea manipulación informativa imposta pola actual dirección da cadea", que está a provocar mobilizacións masivas do persoal nos chamados “venres negros”.

Alfonso Hermida e Tati Moyano.
Alfonso Hermida e Tati Moyano.

A representación sindical considera "desproporcionado, discriminatorio e indignante" o expediente sancionador por falta moi grave, con risco de despedimento, incoado contra unha xornalista pola dirección argumentando que, supostamente, incumpriu unha norma que impide usar medios da CRTVG para participar en actos alleos á Corporación, malia que a traballadora actuou conforme as medidas habituais establecidas e lles solicitou aos seus superiores os permisos pertinentes para exercer como presentadora, de xeito totalmente altruísta, na gala benéfica que organizou Asociación Española contra o Cancro celebrada o pasado 22 de xuño en Compostela.

O comité asegura ter contrastado que a xornalista seguiu escrupulosamente o protocolo que empregan o resto dos profesionais que participan en actos deste tipo, incluíndo persoal directivo, que mesmo acode a eventos de carácter remunerado sen que nunca se producise unha reacción semellante por parte dos actuais nin de anteriores responsables do medio.

De feito, din que o propio colectivo de presentadores da CRTVG dirixiu á dirección de Recursos Humanos un escrito de solidariedade coa súa compañeira para expoñerlle que o procedemento habitual que utilizan para ese tipo de colaboracións é o mesmo que o empregado pola profesional que agora a dirección pretende sancionar.

"REPRESALIA"

Para o comité de empresa, "a desmedida reacción da Corporación obedece exclusivamente a unha represalia irracional contra a traballadora por ter presentado a súa dimisión nos labores de presentadora en protesta polo férreo control informativo imposto actualmente nos servizos informativos da TVG, pero tamén por ter aludido publicamente a esa situación durante a devandita gala contra o cancro mentres estaba presente o presidente da Xunta" que, a xuízo da representación sindical, "no canto de adoptar as medidas axeitadas para erradicar a censura previa e a manipulación informativa instalada nos medios públicos na procura dunha auténtica rexeneración democrática permite que se sancione á xornalista".

A representación sindical tamén considera que "a posición honesta da traballadora enaltece a imaxe pública da prestación e contribúe a paliar o dano irreparable que están provocar as manipulacións da actual dirección sobre o concepto que ten a cidadanía dos servizos públicos esenciais", polo que considera a apertura do expediente sancionador un "acto máis próximo á corruptela institucional que á normalidade democrática".

"DETERIORO DAS RELACIÓNS LABORAIS"

O comité de empresa tamén alerta do "grave deterioro" das relacións laborais na Corporación polas decisións de parte do equipo directivo recentemente nomeado polo director xeral que, para o conxunto dos sindicatos, non se seleccionou en todos os casos obedecendo aos criterios profesionais que deben rexer imperativamente nunha entidade de carácter público.

Os sindicatos que conforman o comité de empresa da CRTVG esixen a retirada inmediata do expediente á traballadora e aseguran que canalizarán todas as súas enerxías a prol do cumprimento da lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

Igualmente, solicitan a remuda do actual director xeral baixo uns criterios estritamente democráticos que permitan rematar coa actual situación de permanentes ataques a un persoal xa "farto de confrontacións" para defender a pluralidade e a imparcialidade do servizo público de radio e televisión conforme establecen as normas esenciais sobre o dereito fundamental á información.

Temas: CRTVG CENSURA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta