Unha moza tivo que ser evacuada a un centro hospitalario tras caer por un desnivel en Fisterra

A rapaza precipitouse por un desnivel duns cinco metros de altura nas proximidades do Castelo de San Carlos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2018 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

Unha moza tivo que ser rescatada de madrugada tras precipitarse por un desnivel duns cinco metros de altura nas proximidades do Castelo de San Carlos, en Fisterra (A Coruña), segundo informaron fontes do servizo de emerxencias do 112-Galicia.

Castelo de San Carlos, en Fisterra
Castelo de San Carlos, en Fisterra | Fonte: Wikimedia Commons

Un particular alertou, ao redor das dúas da madrugada, da caída da muller por unha zona rochosa, polo que se precisaba axuda para rescatala. Desde o CIAE pediuse a colaboración dos Bombeiros de Cee e dos voluntarios de Protección Civil de Fisterra. Unha vez a salvo, a moza foi evacuada nunha ambulancia das 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital Virxen da Xunqueira.

UN INCENDIO EN TOMIÑO QUEIMA PALLA E MADEIRA NUN ALPENDRE

Por outra banda, as chamas devoraron a palla e a madeira que se almacenaba nun alpendre situado no lugar de Cristelos, en Tomiño (Pontevedra), onde un bombeiro tivo que ser atendido debido a un golpe de calor e inhalación de fume.

Así o comunicaron ao 112 Galicia os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Baixo Miño que estiveron a traballar na extinción do lume até pasadas as once da noite.

Pouco antes das catro da tarde do sábado un veciño contactou co 112 Galicia para pedir axuda por mor dun incendio orixinado nunha palleira á beira dunha casa. Ningún ocupante da vivenda resultou afectado, pero si un bombeiro que participaba nas tarefas de extinción e sufriu un golpe de calor. O traballador foi atendido no punto por un equipo médico e, finalmente, non necesitou ser evacuado.

Mentres, os compañeiros continuaron traballando para sufocar o incendio, para o que contaron coa colaboración dos GES da Guarda e Ponteareas, así como cos Bombeiros de Ribadumia. Tamén foron informados os Bombeiros de Vigo. Deste xeito, preto das once da noite os efectivos de emerxencias deron por extinguido o lume que devorou o interior do alpendre.

Os bombeiros tiveron que realizar un buraco na parede para liberar de carga a estrutura. A pesar da intensidade do incendio, o alpendre apenas sufriu danos, segundo informou o 112 Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta