Os robots gañan terreo como 'xornalistas'

Un traballo de profesores da Universidade de Santiago expón que "existe un descoñecemento profundo por parte dos xornalistas en España da influencia directa da intelixencia artificial na profesión".

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 30/08/2018 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O xornalismo non escapa da colonización robótica. Algoritmos, bots e automatización na elaboración de noticias afectan xa a profesión xornalística, sector no que "a intelixencia artificial está a empezar a ocupar un terreo tradicionalmente dominado polo factor humano". Así describe o escenario actual un estudo publicado por investigadores galegos, que elaboraron un mapa mundial de medios, axencias e empresas que recorren á automatización na elaboración de información.  No mesmo estudo, analizaron a percepción sobre este fenómeno en España mediante unha enquisa a 366 xornalistas afiliados a colexios profesionais, asociacións e sindicatos, incluídos o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Sindicato de Xornalistas de Galicia.

Os robots gañan terreo
Os robots gañan terreo | Fonte: Nieman Journalism Lab

"Entre os profesionais do xornalismo aínda non hai conciencia clara de que a xeración de novas mediante algoritmos deixou de ser unha posibilidade para ser unha realidade".

Os principais resultados mostran que "existe un descoñecemento profundo por parte dos xornalistas en España da influencia directa da intelixencia artificial na profesión", malia que "a automatización de novas non deixa de gañar terreo, tal e como demostran as 50 iniciativas catalogadas a nivel mundial no mapa elaborado", detallan os autores.

Os investigadores atoparon que "entre os profesionais do xornalismo aínda non hai conciencia clara de que a xeración de novas mediante algoritmos deixou de ser unha posibilidade para ser unha realidade", afondan os responsables do estudo.

"Mesmo se descoñece que algúns medios e axencias internacionais xa substituíron os seus redactores por aplicacións informáticas para elaborar os contidos que transmiten ás súas audiencias", engaden.

"En España só se identificaron ata o momento tímidos intentos de producir contidos a través de bots".

Por que esta cegueira ante o que está a acontecer? Segundo este traballo, na percepción que teñen os xornalistas sobre o fenómemno inflúe o feito de que "en España só se identificaron ata o momento tímidos intentos de producir contidos a través de bots".

"Os casos de automatización no noso país non van máis aló de iniciativas concretas en servizos online de información do tempo ou servizos, ou de propostas de empresas que xenericamente ofrecen a elaboración automatizada de contidos", describen.

EEUU, REINO UNIDO E ALEMAÑA, POR DIANTE

Estados Unidos, Alemaña e Reino Unido son os países que concentran a maioría das iniciativas mediáticas ou empresariais que usan ou ofertan información xerada  informáticamente.

Globalmente, pódese crear un mapa mundial con 16 medios informativos, 13 axencias nacionais de noticias e 21 empresas que xa usan algoritmos rutineiramente para a xeración de novas.

Para os autores da investigación, "resulta rechamante que, entre os xornalistas que participan no estudo, sexa porcentualmente insignificante o caso daqueles que son capaces de propoñer referencias dalgún medio que xa estea a recorrer a bots para automatizar a xeración de informacións".

Só un de cada dez xornalistas considera que a intelixencia artifical permitirá unha relación máis personalizada cos públicos.

En xeral, os xornalistas galegos e do resto do Estado español consideran que a elaboración automática de contidos por máquinas é máis un cambio nas rutinas produtivas do xornalista que unha alteración de todo o proceso de elaboración de novas no que o xornalista é substituído pola máquina.

Sobre os efectos destas mudanzas tecnolóxicas, os xornalistas vincúlanos con estratexias empresariais para reducir os custos de produción ou para controlar a orientación dos contidos. Tamén aluden a unha posible aplicación para que as organizacións elaboren máis informacións para remitir aos medios como proposta de inclusión nos seus temarios.

"A intelixencia artificial e a automatización de contidos non se albiscan como un elemento de transformación e cambio ou de, polo menos, dinamización ou alteración nas relacións dos informadores ou os medios e con audiencias", explican os autores do estudo.

Así, só un de cada dez xornalistas considera que a intelixencia artifical permitirá unha relación máis personalizada cos públicos.

En xeral, sostense que "as tarefas que requiren de habilidades cognitivas son máis difíciles de encadrar en accións estandarizadas reproducibles por unha máquina".

Os autores destacan tamén que "ningún dos 366 xornalistas participantes aludiu nas respostas abertas á necesidade de repensar a súa intervención persoal no proceso de creación da noticia potenciando, como se destaca noutros estudos sobre automatización, a contribución da intervención da persoa á xeración de valor identificable no texto a través da  singularización de propostas ou enfoques".

O estudo, titulado 'Uso de bots y algoritmos para automatizar la redacción de noticias: percepción y actitudes de los periodistas en España', está asinado polos profesores da Universidad de Santiago José Miguel Túñez López e Carlos Toural Bran, ademais de Santiago Cacheiro Requeijo, xornalista especializado en xeración automatizada de contidos e novas tecnoloxías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

gostaríame saber ata que punto http://es.euronews.com/ emprega a intelixencia artificial na creación das súas novas... Se o fan para a traducción a 12 linguas é un bo servizo, pero non comprendo o interés que poda ter un CORTA E PEGA en tódolos xornais (ao final todos darían a mesma noticia do mesmo xeito ?) Non comprendo a que aspectos se podería aplicar este asunto da IA no xornalismo ???

1 a lo loco

jajjaajjajajaja....intelixencia na profesión jajajajaja ...na profesión,,,, que cachondos os tíos... supoño que se refiren ao correo ou a voz.... ¡¡¡¡dios que intelixencia...¡¡¡¡