Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2018 | Actualizada ás 15:48
A subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmou que a muller, de 58 anos, detida en relación á agresión sufrida pola súa nai de noventa anos en Meira (Lugo) ten outras "denuncias", e, segundo fontes da investigación, pesan sobre ela tamén antecedentes vinculados a varias infraccións e delitos anteriores.
A anciá permanece hospitalizada no HULA. A súa filla foi detida pola Garda Civil como presunta autora de malos tratos no ámbito familiar. Pasou á disposición xudicial durante a mañá deste mércores en Vilalba.
Segundo o parte policial, a agredida presenta "erosións" en cóbados, xeonllos e nocellos, ademais da rotura do dedo meñique, e traumatismo cranioencefálico. Fontes da investigación consultadas por Europa Press constatan que foi a nai a que pediu auxilio, na madrugada do martes, cando se atopaba na súa casa no barrio da Pena (Meira).
Investígase se a vítima non deixaba acceder ao interior da casa á filla, aínda que vivían xuntas, o que podería ter provocada a reacción da suposta agresora. Sobre a presunta agresora constan "máis de cen dilixencias", con antecedentes por "ameazas, contra o patrimonio e delitos contra a honra e inxurias".
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, indicou que se trata dunha persoa "coñecida polas forzas e corpos de seguridade do Estado por leas cos veciños de por alí". Neste caso foi "máis grave", coa anciá aínda ingresada no HULA. "Esta vez a cousa foi máis grave, con agresións á súa nai, que é unha persona con dificultades de mobilidade, que estaba en cadeira de rodas", describe Isabel Rodríguez. A subdelegada confirmou que a muller foi detida e que non constan outras agresións á nai.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.