Temas: BOQUEIXóN

Rapazada de 5 nacionalidades pon en valor o patrimonio histórico e natural de Boqueixón

Moitos deles proceden de países como México, Italia, Francia e Serbia, e chegan ao concello para realizar tarefas de conservación do territorio, ademais de coñecer a contorna galega.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/08/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Un total de 25 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos participan dende o pasado día 1 e ata o próximo 12 agosto no campo de traballo internacional organizado polo Concello de Boqueixón. O alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, e mais o delegado territorial da
Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantiveron este mércores un encontro cos participantes nesta iniciativa xuvenil.

Imaxe do encontro coa rapazada do campo de traballo do Concello de boqueixón
Imaxe do encontro coa rapazada do campo de traballo do Concello de boqueixón | Fonte: Nós Comunicación

Durante estas case dúas semanas que durará o campo de traballo, os mozos e mozas participantes están a realizar tarefas de conservación e posta en valor da Ponte Ledesma. Entre elas, atópase a limpeza de herbas na súa estrutura. Ademais, elaboraranse sinais de madeira para proxectar o nome de cada unha das Ínsuas de Gres á súa entrada e tamén outra con información sobre a batalla de Ponte Ledesma.

Outro dos obxectivos deste campo de traballo será a elaboración de diversos materiais didácticos para difundir entre a poboación do municipio e da contorna. Esta última acción está vencellada á execución dun plan de dinamización, no que tamén se contempla a investigación e recollida de campo sobre a Batalla de Ponte Ledesma da Guerra dos Franceses a través da testemuña das persoas maiores que viven no lugar.

A mocidade que está a participar neste campo de traballo procede de países como México, Italia, Francia e Serbia. Dentro do Estado, a iniciativa xuvenil promovida polo Concello de Boqueixón conta con rapazada procedente de Asturias, Las Palmas, Madrid, Castellón, Cantabria, Valladolid, Biscaia, Áraba, Logroño e Guipúscoa e tamén da propia comunidade autónoma.

O rexedor animou á mocidade asistente a descubrir o amplo patrimonio cultural, histórico e natural do municipio boqueixanés e a gozar desta experiencia. Nesa mesma liña pronunciouse Ovidio Rodeiro, quen lembrou que Galicia é unha das que meirande número de programas de mobilidade xuvenil desenvolve no conxunto do Estado. Iniciativas entre as que se atopa, precisamente, este campo de traballo internacional.

Un traballo que tamén deixa tempo para o lecer. De feito, este xoves participarán nunha excursión pola Costa da Morte. Xa nos seus primeiros días de estancia tiveron a oportunidade de coñecer Santiago de Compostela e outros lugares de interese da bisbarra.

Temas: BOQUEIXóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta