Por que a Federación de Persoas Xordas e a Xunta non procuran o recoñecemento da lingua de signos galega?

"Non está entre as prioridades da FAXPG a reivindicación dunha lingua de signos galega", salientan investigadores da Universidade e da Asociación de Xordos de Vigo, que tamén sinalan a falta de interese do Goberno galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

No Estado español só existen dúas linguas de signos recoñecidas oficialmente: a castelá e a catalá. A Lei 27/2007, do 23 de outubro, recoñece estas dúas linguas e regula os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva ou xordo-cegas, así como o dereito a aprendelas e usalas xunto con outros medios de comunicación orais. Porén, o galego segue inédito no sistema de linguas de signos recoñecidas oficialmente. Por que? Porque para a Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) non está entre as súas prioridades a reivindicación dunha lingua de signos galega.

Himno galego en lingua de signos
Himno galego en lingua de signos | Fonte: Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra.

Un novo estudo sobre a situación das linguas de signos no contexto da política lingüística española suxire que este órgano de representación non fai absolutamente nada polo recoñecemento dunha lingua de signos galega e por elaborar un corpus desa lingua. Todo o  contrario do que acontece en Cataluña.

"Só en Cataluña o recoñecemento da lingua de signos foi parello á cuestión dos dereitos lingüísticos".

"Debido a que só Cataluña ten recoñecida unha lingua de signos propia, a lingua de signos das persoas xordas que residen noutras Comunidades Autónomas é a lingua de signos española", apuntan os autores do novo estudo, Carmen Cabeza Pereiro, profesora titular de Lingüística xeral na Universidade de Vigo, e Francisco Eijo Santos, da Asociación de Xordos de Vigo.

"Cataluña desenvolve unha política lingüística que promove e difunde o catalán falado e a  lingua de signos catalá. Só nesta comunidade autónoma o recoñecemento da lingua de signos foi parello á cuestión dos dereitos lingüísticos, na medida en que a reivindicación da comunidade xorda entroncou co sentimento nacional catalán", detallan.

Os investigadores observan que "fóra de Cataluña, as cuestións relacionadas coas linguas de signos tiveron un tratamento máis ligado ao contexto da discapacidade e os servizos sociais que ao ámbito das linguas e a política lingüística".

POSTURA DA FAXPG

Centrándose no caso galego, a postura oficial da Federación de Persoas Xordas —a entidade que conta con máis poder de representación da comunidade xorda galega— "manifesta, a través do seu presidente —Iker Sertucha Lista— unha actitude pouco favorable a intervir activamente no recoñecemento dunha lingua de signos galega e a elaborar un corpus desa lingua", expoñen os autores.

"Non está entre as prioridades da FAXPG a reivindicación dunha lingua de signos galega".

De feito, din, "non se atopa no seu discurso ningún indicio de que o elemento galego poida funcionar como un trazo diferenciador de carácter simbólico".

"Non está entre as prioridades da Federación de Persoas Xordas a reivindicación dunha lingua de signos galega".

A defensa do recoñecemento dunha lingua de signos galega é unha iniciativa, polo tanto, dun "sector minoritario da comunidade xorda de Galicia", engaden.

Os autores do estudo só atoparon no ámbito da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela algunha información en referencia a esa demanda dunha lingua galega de signos.

TAMPOUCO HAI INTERESE NA XUNTA

Nesa falta de interese por recoñecer unha lingua galega de signos corresponsabilizan a Xunta, a cal, malia ter as competencias en política lingüística transferidas, "non se apreza [nela] un interese por reivindicar que as accións nesta materia se estendan máis aló da lingua galega oral, para protexer tamén á lingua de signos (galega ou española) usada no territorio". Isto, din, "supón derivar esta responsabilidade unicamente no CNLSE [Centro de Normalización Lingüística de la Lengua de Signos Española]". 

Neste contexto, os autores advirten de que "o desenvolvemento normativo das linguas de signos enfróntase en España a dous retos: o primeiro ten que ver co prexuízo de que as  linguas de signos son adaptacións para facilitar a accesibilidade ás persoas xordas, e non linguas naturais que se utilizan nun contexto social e cultural específico; o segundo provén da concepción territorial dos dereitos lingüísticos". 

Carmen Cabeza Pereiro e Francisco Eijo Santos recordan que "o modelo lingüístico recoñecido na Constitución Española e nos estatutos de autonomía baséase no principio de territorialidade". É dicir, as comunidades autónomas teñen tamén a potestade de recoñecer linguas de signos propias dos respectivos territorios. 

Os investigadores instan a Xunta a "protexer a lingua de signos que utiliza a comunidade xorda galega".

Por que entón esta elección en Galicia a prol do español como lingua da comunidade xorda galega? Segundo os investigadores, a decisión "pode sustentarse nun argumento de pragmatismo: en ausencia dunha base social sólida que reivindique o valor simbólico do elemento galego propio na variedade lingüística utilizada polas persoas xordas que viven en Galicia, súmanse forzas nunha causa común de carácter estatal, o cal contribúe a visibilizar a  lingua de signos española como lingua de referencia das persoas xordas de todos os territorios, excluída Cataluña".

Esta decisión, porén, "non debería ser impedimento para que a Xunta de Galicia protexa a lingua de signos que utiliza a comunidade xorda galega, teña esta ou non o distintivo de galega no seu nome". É máis: "non debería ceder no empeño de elaborar un texto normativo que ampare os dereitos lingüísticos das persoas xordas nos diferentes ámbitos (educativo, sanitario, medios de comunicación, etc.), de maneira similar a como o fixeron xa Cataluña e Andalucía", argúen Cabeza Pereiro e Eijo Santos.

Por todo isto, os autores consideran necesario que "as administracións públicas estean á altura das demandas da comunidade xorda, veñan estas canalizadas a través do CNLSE ou ben se trate de necesidades que deban ser atendidas desde os gobernos autónomos, no ámbito das súas competencias",

O estudo, titulado 'Lenguas de signos en el estado español: estatus y territorialidad', publicouse no último número da revista anual Estudos de Lingüística Galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eu non cambio

Aquí o estudo completo http://www.usc.es/revistas/index.ph...