Primeiro pleno de Zona Franca con novos vogais e aprobación do orzamento de 2019

Abel Caballero asegura que a Intervención Xeral do Estado cuestiona a operación da ETEA.

Por E.P. | VIGO | 09/08/2018 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

O pleno da Zona Franca de Vigo, o primeiro con David Regades como delegado do Estado no organismo, aprobou este xoves os orzamentos do ano 2019, e deu a "benvida" ao tres novos vogais propostos polo Goberno, a exministra Elena Espinosa, a profesora da UVigo Ana Mejías, e o empresario do naval Manuel Rodríguez, así como á vogal do Concello, Ángeles Marra, que substituirá ao propio Regades como representante municipal no pleno.

Pleno De Zona Franca De Vigo
Pleno De Zona Franca De Vigo | Fonte: Europa Press

Na sesión deste xoves deron luz verde ás contas do ano que vén, que contemplan investimentos por valor de 45 millóns de euros. Deles, 41 millóns investiranse en activos fixos, a maioría na cidade de Vigo, para acometer actuacións como a ampliación do Parque Tecnolóxico, a compra de solo, a construción do complexo de edificios de automoción (onde se trasladará o Bussiness Factory Auto de Porto do Molle), a creación do Centro Gastronómico, ou a rehabilitación do edificio Siemens da ETEA.

Así o confirmou do delegado, David Regades, en declaracións aos medios tralo pleno. Así mesmo, avanzou que se paralizará o actual proxecto de reforma do polígono de Bouzas, para adecualo a novos criterios de mobilidade e accesibilidade. Máis tarde, celebrouse a toma de posesión formal dos novos vogais, aos que Abel Caballero eloxiou pola súa "enorme capacidade". O alcalde e presidente do pleno celebrou que, "coa chegada de Regades" a Zona Franca "cambia a forma de entender" a acción deste organismo. "Esa é a novidade, que xa estamos todos remando na mesma dirección, e xa non hai outras influencias para usar os recursos de Zona Franca noutros sitios ou institucións", apostilou.

USO DE RECURSOS E INFORME DA INTERVENCIÓN

Caballero asegurou que, até agora, o organismo estatal empregaba os seus recursos en destinos "alleos" aos propios da Zona Franca de Vigo, e puxo como exemplos a proxección dun centro de formación "fóra" da cidade, actuacións noutros municipios como Baiona, ou a operación de recuperación de edificios na ETEA que, ao seu xuízo, debía custear a Xunta. A ese respecto, o alcalde desvelou que, segundo un informe da Intervención Xeral do Estado, non se reflectiu convenientemente na contabilidade de Zona Franca a operación para a recuperación do edificio Faraday nin as "perdas" que xerou. Así mesmo, sinalou, tamén se cuestiona a valoración feita do inmoble. "O que eu dicía", resumiu o rexedor.

En abril de 2017, o pleno de Zona Franca, presidido por Caballero, no que Regades era vocal, e con Teresa Pedrosa como delegada, aprobou por unanimidade un convenio coa Xunta para a recuperación de parcelas na antiga ETEA. O convenio aprobado reflectía que, da débeda contraída polo goberno galego con Zona Franca pola súa parte da ETEA (18,5 millóns), quedan por pagar uns 11,2 millóns de euros, que se abonarían da seguinte maneira: 5,7 millóns a pagar mediante un plan de 8 anualidades, e o resto, compensaríase mediante a devolución de dúas parcelas valoradas en 5,5 millóns (unha delas o edificio Faraday). Caballero sempre cuestionou esta operación, por considerar que o organismo entón dirixido por Teresa Pedrosa, "regalaba" á Xunta 5,5 millóns, que lle deixaba de cobrar, e que furtaba á cidade de Vigo para posibles investimentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta