As gaitas galegas estréanse na Gran Muralla chinesa

A Banda de Gaitas Lume de Biqueira, de Madrid, é a primera formación de España convidada ao China International Wind Music Festival.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 09/08/2018 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

A Banda de Gaitas Lume de Biqueira, de Madrid, participará no China International Wind Music Festival, converténdose así na primeira banda de España —de calquera xénero— convidada a participar neste festival e a segunda banda de gaitas galegas que actúa en China, tras a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que o fixo no ano 2010, no marco da Exposición Universal de Shanghai dese ano.

Banda de Gaitas Lume de Biqueira.
Banda de Gaitas Lume de Biqueira.

O encontro internacional de bandas celebrarase do 13 ao 22 de agosto na cidade costeira de Dalian, para finalizar na capital Beijing e un concerto na Gran Muralla chinesa.

A esta cita viaxan 40 integrantes da Banda de Gaitas Lume de Biqueira coa "ilusión de servir de escaparate dunha parte da cultura galega e para mostrar a variedade das manifestacións artísticas españolas", explica Ángel Hernando, presidente da Asociación Albedro, á que pertence a banda. 

"Non esquecemos que, neste momento, China é a primeira potencia económica do mundo", engade Hernando.

O Festival Internacional de Música de Vento de China organízase cada ano, desde 2004, polos gobernos locais xunto coa China Association for Symphonic Bands and Ensembles.

UNHA BANDA GALEGA EN MADRID

A Banda de Gaitas Lume de Biqueira é a expresión artística da Asociación Albedro, organización cultural sen ánimo de lucro radicada en Madrid, que se creou en 1998 co obxectivo de ensinar e difundir a música de raíz atlántica —ou música celta— e, en particular, a música tradicional galega. A Banda naceu no Centro Galego de Madrid en 1998.

Polo tanto, a súa estrea en China coincide co seu 20 aniversario, pero tamén co 400 aniversario da morte en Macao do primeiro español que entrou na Cidade Prohibida: o xesuíta Diego de Pantoja.

Considérado o pai da sinología —estudo da lingua, literatura e institucións chinesas—, Diego de Pantoja foi o precursor das relacións culturais entre o mundo en español e China.

Por este motivo, durante 2018 conmemórase o Ano Diego de Pantoja, en cuxo desenvolvemento traballaron entre outros, o Instituto Cervantes de Beijing, a Casa Asia, o Concello de Valdemoro e o Instituto Confucio. Diego de Pantoja entrou na corte chinesa en 1601, reinando o emperador Wang Li, da dinastía Ming, e viviu 21 anos naquel país

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta