Galicia e Asturias, as comunidades máis obesas

Os resultados indican que "a prevalencia de obesidade é maior en homes, aumenta coa idade e obsérvase unha relación inversa co nivel de estudos e a clase social". As comunidades con menores índices de obesidade seguen sendo Cantabria, o País Vasco, Navarra, Cataluña e Baleares.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/08/2018 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

A obesidade e o sobrepeso son un dos problemas máis importantes de saúde pública no mundo occidental. En España afectan xa a máis do 50% da poboación. Un novo estudo científico sinala a Asturias e Galicia como as comunidades autónomas coas maiores taxas de obesidade no Estado español.

Unha muller con problema de obesidade
Unha muller con problema de obesidade | Fonte: Wikimedia.

No estudo recolleuse información sobre idade, xénero, nivel de estudos, ocupación e lugar de residencia das persoas que formaron parte da mostra, entre 25 e 64 anos. E tomáronse medicións individuais de peso e talla. Os resultados indican que "a prevalencia de obesidade é maior en homes, aumenta coa idade e obsérvase unha relación inversa co nivel de estudos e a clase social".

Por autonomías, a taxa de obesidade, por esta orde, é maior en Asturias, Galicia e Andalucía, seguidas por Murcia e Illas Canarias. As comunidades con menores índices de obesidade seguen sendo Cantabria, o País Vasco, Navarra, Cataluña e Baleares.

"En relación ao ámbito xeografico, as situacións máis favorables ao normopeso sitúanse no nordés e o leste peninsular. Pola contra, as maiores prevalencias atopámolas na zona noroeste, seguida da rexión sur", aportan os científicos. 

En conxunto, os factores sociodemográficos determinantes da obesidade en España describen unha maior prevalencia estatisticamente significativa en homes e, de maneira especial, na franxa de idade de 55 a 64 anos.

Os resultados tamén indican que "a talla baixa é máis frecuente en persoas con estudos primarios incompletos e clase social baixa, ao contrario que a talla alta, máis frecuente tamén nas rexións norte-este e centro". 

Os investigadores salientan o feito de que "o baixo peso corporal é menos frecuente en persoas sen estudos e de clase social baixa". Isto é: obsérvase "un aumento da prevalencia de obesidade a medida que diminúe o nivel socioeconómico e o nivel educativo". 

Os expertos subliñan que "a loita contra a obesidade pasa necesariamente por unha mellora no nivel de educación nutricional e o grao de alfabetización da poboación, con especial énfase nas persoas de contornas máis desfavorecidas".

O estudo, titulado 'Desigualdad, salud y nutrición en España: una visión regional del índice de masa corporal', vén de publicarse na revista científica Nutrición Hospitalaria, da Sociedad Española de Nutrición Parenteral y Enteral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta