Xostra, un exemplo de festival que aposta pola igualdade en Viana do Bolo

Será o sábado 11 de agosto e o cartel compóñeno MITIC, A Banda da Loba e Liviao de Marrao, grupos moi diversos en canto a estilos musicais e de gran relevancia no panorama galego actual. Este encontro abre as festas patronais da localidade.

Por X.M. Fernández | Viana do Bolo | 10/08/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Como acontece en moitas vilas galegas agosto é o mes das festas patronais, as grandes festas nas que se buscan contidos de calidade na programación e con alternativas para todos os gustos. Viana do Bolo non é menos e prepárase para unha semana festeira onde terán cabida actuacións para todas as idades e para todos os gustos, do 11 ao 17 a festa está asegurada.

A Banda da Loba. Fonte: abandadaloba.gal
A Banda da Loba. Fonte: abandadaloba.gal

O Festival Xostra está collendo pulo e chega este ano á súa IV edición. Dende o concello estase potenciando e cada ano vai a máis en calidade e mantendo o criterio de apostar tamén pola igualdade. Unha das premisas é que polo menos unha das tres alternativas musicais do festival teña como protagonista á muller ou mulleres.

As bandas que participan este ano son:

MITIC: Banda que se dedica a versionar temas míticos do rock. A diferenza con respecto a outros grupos de versións é que nesta, a gaita leva a voz cantante e é o centro do seu espectáculo. No seu repertorio destacan versións de Queen, Bon Jovi, Sinatra o Eagles, entre outros.

A Banda da Loba: Unha das bandas de maior éxito do panorama musical galego (foi nominada na categoría “Canción do autor” na pasada edición dos premios Martín Códax da Música). Teñen repertorio propio baseado en letras da súa autoría e tamén lle poñen música a poemas de autores coñecidos do país. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk...

Presentación das festas patronais. Concello de Viana do Bolo
Presentación das festas patronais. Concello de Viana do Bolo

Liviao de Marrao: Proposta “Ska-Punk-Folk-Bravú” deste grupo de Chantada que son herdeiros do rock máis salvaxe e mesturan nas súas letras a protesta perante as inxustizas co humor e a retranca galega.

Seguindo co programa de festas patronais do concello o domingo 12 destacan as XXXV Xornadas de Folclore internacional con grupos chegados de Arxentina, Sudáfrica e Bielorrusia. Promove este encontro a Deputación de Ourense e terá lugar na Praza Maior.

Tomando como descanso o luns, os festexos retómanse o martes 14 cunha festa dos oitenta a cargo do grupo La edad de oro del Pop español. Esta banda fai un repaso polo mellor do pop español dos 80 e dos 90 e está composta polo coñecido Alberto Comesaña, Pablo Perea, Chus Herranz e Joaquin Padilla.

E chegamos aos días grandes das festas: mércores 15 con pasarrúas a cargo da Escola de Música do concello de Viana do Bolo, sesión vermú a cargo da Banda da Asociación Coral Polifónica Candea e verbena a cargo da Orquestra New York e xoves 16 coa celebración do Día do Patrón. Destacan este día o pasarrúas e sesión vermú a cargo da Banda da Agrupación musical da Limia e a verbena a cargo da orquestra Fania Blanco Show.

Como fin de festas o venres 17 estará dedicado en especial para os máis pequenos, a Gran gala de Circo na rúa con La Coquette, Inmobile e Paco Nogueiras co seu espectáculo musical Brinca Vai! De aquí para acolá.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta