Prisión para outros 8 detidos no operativo antidroga 'Barranca Bermeja'

Manuel Charlín e o seu fillo quedan libres pero investigados, e non está clara a súa relación directa con este alixo de cocaína.

Por E.P. | VIGO | 10/08/2018 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

O xulgado de instrución número 4 de Vigo decretou o ingreso en prisión doutros 8 detidos na macrooperación 'Barranca Bermeja' contra o narcotráfico, que se suman aos catro tripulantes do remolcador interceptado con máis de 2 toneladas de cocaína preto de Azores, e para quen xa ordenara o ingreso no cárcere tras a súa comparecencia vía 'teléfono satélite'.

Manuel Charlín á súa saída do xulgado de Vigo
Manuel Charlín á súa saída do xulgado de Vigo | Fonte: Europa Press

Á marxe dos catro tripulantes do remolcador --dous españois e dous senegales--, na xornada deste venres compareceron no xulgado vigués 17 dos detidos (tres deles por vídeoconferencia), mentres que o resto dos arrestados, até un total de 28, foron postos en liberdade en sede policial, á espera de que sexan citados. Entre estes últimos, están os tres arrestados a bordo dun pesqueiro que, supostamente, navegaba rumbo a altamar para atoparse co 'buque ama de cría'.

Tras as comparecencias desta xornada, o xuíz Juan Carlos Carballal decretou o ingreso en prisión de J.S.V., M.O.D. e o seu fillo D.O.T., R.D.M., V.M.P.S., S.P.V., L.M.R.P., e o cidadán holandés P.W. Tanto estes como o resto de detidos teñen a condición de investigados nunha causa que se segue por un suposto delito de tráfico de drogas en cantidade de notoria importancia no seo dunha organización criminal.

Con respecto ao resto de detidos que compareceron no xulgado, o maxistrado decretou a súa posta en liberdade, coa condición de investigados, e coa medida de presentarse en sede xudicial cada 15 días (en todos os casos, excepto no Manuel Charlín e dunha muller, parella doutro arrestado, que quedou libre sen medidas). Entre as persoas para as que decretou liberdade provisional, están dous irmáns colombianos, sobre quen non se puideron reunir indicios suficientes de que teñan unha participación importante nesta rede de narcotráfico, así como Manuel Charlín e o seu fillo.

MANUEL CHARLÍN E FILLO

No caso de Manuel Charlín, a súa comparecencia ante o xuíz durou apenas 10 minutos, e só contestou ás preguntas do seu letrado. Pouco despois, abandonaba o edificio xudicial vigués por un portón traseiro, no medio dunha nube de fotógrafos, cámaras de televisión e redactores. Á súa saída, o arousán eludiu facer manifestacións aos xornalistas, e limitouse a asegurar que o detiveron "por nada" e que lle deron "liberdade total, sen cargos de ningún tipo". No entanto, mantén a súa condición de investigado.

Fontes xudiciais confirmaron que a implicación de Charlín e o seu fillo débese á súa relación con outras operacións de narcotráfico que "non frutificaron". A partir de aí, os xefes da rede os "puentearon" e "apartáronos" para organizar un novo alixo (o que foi interceptado nesta operación policial). Por iso, o xulgado non pode acreditar plenamente unha relación directa entre os 'charlíns' e o remolcador que navegaba con máis de 2 toneladas de cocaína a bordo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta