Temas: 061 FOLGA

Suspendida a folga indefinida no 061 do persoal de coordinación do Grupo Norte

Traballadores do servizo denuncian "improvisación" nas probas con pacientes no novo centro na Estrada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2018 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

O persoal do Grupo Norte, que xestiona a central de coordinación da Fundación Públicas Urxencias Sanitarias de Galiza-061, suspendeu a folga indefinida que comezou o 4 de agosto. Os empregados decidiron en asemblea este xoves suspender os paros que iniciaron en protesta polo "forzoso" traslado desde o seu actual centro de traballo en Santiago á Estrada (Pontevedra), que a Xunta prevé realizar en outubro. Así, sumáronse ao persoal estatuario do 061, que arrincou a folga o 1 de agosto e continúa con ela. A suspensión do paro, segundo informa a CIG nun comunicado, débese á apertura de negociacións, en concreto tres reunións, deste persoal coa empresa, os días 14, 21 e 22 de agosto nas instalacións da central en San Marcos (Santiago).

Protesta da 061 fronte ao Sergas
Protesta da 061 fronte ao Sergas | Fonte: Europa Press

A esta razón súmase os "abusivos" servizos mínimos do 100 por cen porque "impiden a realización de paros", segundo apuntou a organización nacionalista. Con todo, anunciou que os traballadores seguirán mobilizándose cada semana até conseguir unha "xusta" compensación polo seu "forzoso traslado" desde Compostela ao municipio veciño. As protestas celebraranse os mércores en diferentes localizacións e a primeira delas será este martes --por ser festivo o mércores-- na sede da Fundación 061 na rúa do Campo de Conxo (Santiago) ás 11,00 horas.

"IMPROVISACIÓN" COAS PROBAS

Pola súa banda, a Xunta de Persoal 061 denunciou, noutra nota de prensa remitida por UXT, que xa se efectuaron os primeiros traslados en modo de probas. Segundo critica o sindicato, trátase de traballadores que non son médicos coordinadores en activo e a súa función é atender chamadas de urxencias e emerxencias reais. Para realizar este labor, a entidade trasladou ás dependencias da Estrada á xefa de servizo de atención ao usuario, á xefa de servizo de transporte sanitario urxente e ao director de coordinación. A xunta avisa de que esta tarefa deben realizala os médicos coordinadores, xa que son os "únicos que teñen a habilitación e competencia para desenvolver ese labor".

E é que o persoal trasladado leva máis de seis anos sen exercer como médico coordinador e sen o curso de reciclaxe, segundo apuntou a organización sindical. Nese sentido, o comité de folga do 061 cualifica a actuación de "temeraria" e alerta de que "pode ocasionar responsabilidades administrativas e mesmo penais". Ademais, o sindicato explica que na última reunión coa xunta de persoal do 061 facilitouse un cronograma "cheo de imprecisións e vaguedades" e que "non garante un traslado cun mínimo de garantías". Por iso, o comité subliña que a calidade do servizo desta central non diminúe debido á folga que segue realizando o persoal estatutario do 061 --que conta cuns servizos mínimos do 100 por cen--, senón polo traslado que "se está levando a cabo sen a dilixencia precisa e sen planificación de ningún tipo".

Temas: 061 FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta