Un novo método para erradicar os niños de avespa velutina

Un equipo científico franco-británico desenvolve un sistema mediante radio telemetría para localizar os niños da avespa asiática e destruílos.

Por Alberto Quian | Madrid | 28/08/2018 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A invasión da avespa velutina ou asiática está causando serios quebradeiros de cabeza a labregos, xentes do rural, administracións públicas, emerxencias e a cidadanía en xeral, preocupados pola colonización deste insecto, a perda de abellas e avespas autóctonas, e a súa agresividade e riscos para as persoas. A alarma é tal, que o sindicato Unións Agrarias e a Deputación de Lugo mesmo pediron xa á Xunta de Galicia a declaración de praga. Erradicar os niños da velutina non está resultando doado. Pero a situación podería mudar. Investigadores do Reino Unido e Francia desenvolveron un novo método baseado nun  transmisor de radio conectado ao insecto para localizar os niños e poder destruílos. 

Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso
Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso | Fonte: CONTEXTOPLUS.

As avespas asiáticas son voraces depredadores de abellas e representan a última ameaza emerxente para as poboacións de polinizadores en Europa. Para evitar a súa colonización ou reducir a súa taxa de propagación é fundamental a detección temperá dos niños e a súa inmediata destrución, única opción que se manexa hoxe como solución. Pero a detección dos niños é complicada, xa que acostuman estar agochados e resulta difícil seguir a avespa velutina a longas distancias. A solución ao problema podería estar na radio telemetría.

Os investigadores atoparon coa radio telemetría cinco niños de avespa veltuina ata unha distancia de 1,33 quilómetros dos puntos nos que liberaron os exemplares monitorizados.

Os investigadores aplicaron por primeira vez a radio telemetría para rastrexar as velutinas obreiras que regresan voando aos seus niños. Con este sistema, atoparon cinco niños previamente non descubertos, ata unha distancia de 1,33 quilómetros dos puntos nos que liberaron os exemplares para rastrexalos.

"Este método ofrece un cambio radical nas opcións para facer fronte á propagación deste invasor, proporcionando un medio eficaz para atopar niños de avespa velutina en contornas complexas e poder xestionar esta ameaza emerxente para os  polinizadores", expoñen os científicos.

Localizar e destruír os niños é a única estratexia viable agora para frear a expansión da veltuina, segundo os científicos. Unha actividade nada doada, xa que acostuma construír os seus niños en árbores altas, a miúdo no medio das follas, ou en ccornixas de edificios, sempre a grandes altitudes, en lugares que son difíciles de identificar e eliminar rapidamente.

Para atopar os niños tamén se desenvolveron radares ou cámaras termográficas; métodos que se mostraron tecnicamente eficientes, pero que son de uso complexo no campo. Xa no ano 2015, a Universidade de Vigo puxo en marcha un traballo de investigación pioneiro que permite localizar os niños da avespa asiática mediante drons e cámaras termográficas, como se pode ver no seguinte vídeo.

QUE É A RADIO TELEMETRÍA  E COMO FUNCIONA?

A busca dun método máis efectivo para a localización dos niños de velutina levou aos científicos franco-británicos a desenvolver un novo método baseado na radio telemetría, unha técnica xa utilizada para monitorear animais grandes como mamíferos, aves e peixes.

A radio telemetría móstrase máis eficiente có radar para rastrexar cousas insectos en contornas complexas.

A  radio telemetría é a detección a distancia de animais e a súa aplicación ao estudo do comportamento. Consiste en poñer un colar ao animal cun radioemisor que emite un sinal de frecuencia específica que pode ser detectada por un radiodetector, poidendo situar o animal en tempo real.

En comparación co radar, por exemplo, a radio telemetría móstrase máis eficiente para rastrexar cousas pequenas, como un insecto, en contornas complexas como un bosque ou unha área urbana.

O primeiro problema que os investigadores tiveron que enfrontar foi o peso dos  transpondedores. De feito, os máis pequenos no mercado pesan 0,19 gramos e 0,28 gramos. Unha masa importante para soportar a avespa velutina, que pesa ao redor de 0,35 gramos. Porén, as probas de voo realizadas mostraron que estes insectos poden soportar o peso destes dispositivos. De feito, o 81% das avespas monitorizadas puideron voar cun peso adicional de ata o 80% do seu corpo.

Tralas probas, os científicos optaron polo dispositivo de 0,28 gramos, cunha antena de 10 centímetros, xa que o máis lixeiro era de feito pouco potente e as avespas, coa súa velocidade de voo normal, saíron demasiado pronto do rango de cobertura.

Os niños atopáronse até a 1.300 metros do lugar onde se capturaron as avespas e foron identificados nun tempo máximo de 2-3 horas.

As avespas, capturadas previamente nas colmeas, foron rastrexadas en dous sitios, un nos arredores do sur de Bordeos, en Francia, nunha área urbana, onde o experimento se realizou con seis exemplares, e outro sitio na illa británica de Jersei, na Canle da Mancha, nunha zona rural, onde foron monitorizadas dúas velutinas.

En ambas as áreas, todas as avespas foron rastrexadas completamente e o 63% chegou ao niño, permitindo localizo. Eses niños identificados atopáronse dentro dun rango de 45 metros a 1.300 metros do lugar onde se capturaron as avespas, e foron identificados nun tempo máximo de 2-3 horas.

Mais hai un pero a este sistema de detección dos niños de avespa velutina: o custo actual. O da antena receptora é de aproximadamente 2.300 euros e o do dispositivo colocado nas avespas é duns 160 euros, ao que se debe sumar o custo dos operarios. 

Polo tanto, a radio telemetría móstrase como o método máis eficaz para detectar niños de avespa velutina, mais queda aínda moito por facer para erradicar esta praga.

O traballo de investigación publícase na revista científica Communications Biology do grupo editorial de  Nature co títiulo 'Searching for nests of the invasive Asian hornet (Vespa velutina) using radio-telemetry'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta