Antón Sánchez: "Se non sumamos toda a pluralidade de En Marea, non teremos potencia para ser alternativa ao PP"

O viceportavoz parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova nega que a mesa pola confluencia, impulsada este verán a instancias do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, teña como obxectivo crear problemas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2018 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

O viceportavoz parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, emprazou aos integrantes do partido instrumental a seguir sumando no proxecto en construción da unidade popular, argumentado que "a clave do éxito" será "conseguir sumar toda a pluralidade e que todo o mundo estea identificado con este proxecto", porque en caso contrario, non se terá "a potencia suficiente para ser a alternativa ao Partido Popular".

Antón Sánchez, viceportavoz parlamentario de En Marea. CADENA SER
Antón Sánchez, viceportavoz parlamentario de En Marea. CADENA SER | Fonte: Europa Press

Así o asegurou en entrevista á Cadena Ser, na que puntualizou que "non é o momento de pechar o acordeón, senón de abrilo", aínda que defendendo que se trata dun reto que considera ao alcance, cunha maioría social popular con máis puntos en común que diferenzas.

Desta forma, Antón Sánchez rexeitou que a mesa pola confluencia, impulsada este verán a instancias do rexedor de Santiago, Martiño Noriega, teña como obxectivo crear problemas e sostén que é preciso atender as reflexións das mareas municipais.

"Se algún experimento ou ensaio de unidade funcionou, foron as mareas municipais, que souberon integrar a máxima pluralidade no campo da esquerda de ruptura", agregou.

Por este motivo, Sánchez alega que "a mesa de diálogo proposta por Compostela Aberta non busca crear problemas senón solucións, non vai contra ninguén senón a favor da unidade popular".

En todo caso, cuestionado sobre a magnitude dos cambios que serían precisos neste momento de reformulación de En Marea, Sánchez replica que "chegarán onde decida colectivamente a xente" pero elude responder o alcance que poderían ter sobre Luís Villares, o portavoz de En Marea, entendendo que non se trata dunha cuestión de nomes.

"Nunca falamos de nomes, nunca personificamos os problemas en ninguén", remarcou Sánchez, aínda que desliza que, ao seu xuízo, se debería fuxir da autocompracencia. "Non hai que dramatizar con isto nin criminalizar o debate, mirar para outro lado cando ti crees que hai cousas que mellorar non é responsable", conclúe.

NEGA UN "CHEQUE EN BRANCO" AO PSOE

Mes e medio despois da moción de censura que levou a Pedro Sánchez á presidencia do Goberno, o viceportavoz de En Marea valora que se trataba dun cambio necesario para botar a un partido "corrupto" do poder.

No entanto, incide en que este apoio non supón "un cheque en branco" ao PSOE, ao que tamén fai responsable de recortes nas políticas económicas que facilitaron a modificación do artigo 135 da Constitución e recortes, en materia de liberdades, coa aplicación do 115.

Para Antón Sánchez un mero cambio de cara non é suficiente, "por moi guapo que sexa", e confía en que nas próximas eleccións municipais as candidaturas de unidade popular repitan os resultados obtidos hai tres anos cando demostraron que "había moita xente que non se sentía representada con ese bipartidismo", aínda que admite: "Depende de nós".

"FEIJÓO É MÁIS FALSO QUE UN EURO DE CARTÓN"

En clave autonómica, o viceportavoz de En Marea critica a situación dos Puntos de Atención Continuada, despois do falecemento hai unha semana de un home no da Estrada, sen que recibise atención sanitaria, ante a ausencia do facultativo por estar a atender unha urxencia.

"Levamos moito tempo denunciando os recortes e teñen consecuencias", remarcou Antón Sánchez, que acusa ao PP de realizar "políticas contra as persoas" porque "prioriza" cuestións orzamentarias.

O viceportavoz de En Marea criticou tamén a reclamación que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizou ao Goberno central sobre a recadación do IVE, e que pon de manifesto, ao seu xuízo, que "Feijóo é máis falso que un euro de cartón", por non ter esixido o mesmo cando gobernaba Mariano Rajoy.

Preguntado sobre o novo liderado do PP, Sánchez sitúao como un apoio ao "fascismo que avanza en Europa, do que Casado é representante". "A xenofobia máis extrema, iso é apoiar a Pablo Casado, e con respecto aos másteres, xa non sorprende, nun PP que está podre de corrupción nas altas esferas e da que tamén é cómplice Feijóo", engadiu.

Finalmente, suxeriu que a Feijóo "lle faltou valentía" para pelexar pola sucesión de Rajoy, porque "non pode saír da súa burbulla de Galicia", onde tenta "controlar con man de ferro a radio e a televisión públicas mesmo represaliando os profesionais que tentan exercer a súa profesión de forma digna e independente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 ata que chegou a sua hora

estimado xuiz de paz Villanias e o momento de dar a cara o grupo pistoleril mareante pretende acabar coa sua via, preparase a loitar con winchester e colt 45 co terrorífico bandoleiro de reborainas o chamado "whisqui dick de -Vieiras" e o momento ... - https://www.youtube.com/watch?v=VZ9...

1 abella

Zzzzzzzzzz zzzzzzzzzz zzzzzzzz