Hai precedente: un xulgado condenou en 2013 o Concello de Vigo polas lesións dunha muller que caeu no porto

A sentenza podería servir para demostrar que é o Goberno vigués o que debe asumir as responsabilidades do accidente no Marisquiño.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 15/08/2018 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

O Xulgado contencioso administrativo número un de Vigo condenou en febreiro de 2013 o Concello de Vigo a indemnizar a unha muller que sufriu unha fractura nun ombreiro despois de tropezar cunha madeira e caer no Paseo Náutico en xullo de 2009.

Zona afectada polo derrube durante o Festival O Marisquiño
Zona afectada polo derrube durante o Festival O Marisquiño

A sentenza foi remitida este mércores aos medios de comunicación polo PP de Vigo, cuxa portavoz, Elena Muñoz, asegurou que son varios os fallos xudiciais que "din claramente" que a competencia do mantemento desta zona "corresponde" ao Consistorio e que "o Concello" debería terse feito cargo destes labores.

Esta sentenza, que recolle a denuncia dunha particular contra o Concello e o Porto, cita o convenio de colaboración subscrito en 1992 pola Xunta de Obras do Porto, a Diracción Xeral de Portos, o Consorcio da Zona Franca e o Concello polo cal o mantemento lle corresponde á administración local.

Así, aínda que no fallo o xulgado sinala que non se apreza "nin temeridade nin mala fe", considera que o Concello de Vigo "incorreu en responsabilidade patrimonial" polo "funcionamento anormal" dun servizo público e condénao a abonar 4.649 euros á afectada. Ademais, desestima a denuncia contra a Autoridade Portuaria.

Ante estas cuestións, a portavoz do PP de Vigo volveu a cuestionar os motivos polos que o Consistorio vigués autorizou a celebración do festival O Marisquiño nesta zona, que se derrubou e motivou que máis de 400 persoas resultasen feridas.

Ademais, Elena Muñoz acusou o Consistorio vigués de "ocultar información" e volveulle a reclamar que faga públicos os informes de seguridade do evento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta