Ses, De Vacas, The Limboos e Triángulo de Amor Bizarro, cabezas de cartel do Festival do Leite

Dez bandas galegas ou ligadas a Galicia intervirán na terceira edición do Festival do Leite, que tamén contará con programación infantil.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 24/08/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Ses, De Vacas, Triángulo de Amor Bizarro e a banda The Limboos -ligada a Galicia por parte dos seus integrantes- serán as principais bazas dun novo Festival do Leite. Completan o programa Bifannah, Disco Las Palmeras, The Soul Jacket, La Casa de los Ingleses, Cora V, Gold & Colt e Carlangas Dj (o líder de Novedades Carmiña).

Presentación do III Festival do Leite
Presentación do III Festival do Leite

Son dez bandas galegas ou ligadas a Galicia, que se completan cun programa de actividades infantís. Haberá tamén actividades para os máis pequenos con María Fumaça, A Gramola Gominola e o debuxante Luis Davila.

O Festival do Leite é un evento musical que naceu hai un par de anos da man da marca Deleite Galego, propiedade de gandeiros galegos. O obxectivo de Deleite co Festival é dobre. Búscase poñer en valor a importancia do sector lácteo para Galicia e á vez apoiar á música feita en Galicia, gran protagonista do evento.

A entrada ó Festival, como en anos anteriores, é de acceso libre e desenvolverase durante todo o sábado 15 de setembro. Haberá postos de comida no Festival para quen queira pasar alí toda a xornada, pois o Festival do Leite concíbese como a modo dunha romería “antiga pero moderna”, en palabras do coordinador de Deleite, Pedro González.

O evento presentouse este venres no Concello de Pontevedra nun acto no que participaron o coordinador de Deleite Galego, marca promotora do Festival, Pedro González; a concelleira Carmen da Silva, o debuxante Luis Davila e o produtor técnico do evento, Manuel Tarrío.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta