Agricultura ecolóxica, o outro agro

As novas esixencias do mercado demandan produtos libres de elementos químicos sintéticos. Asemade, a concienciación social sobre a explotación gandeira e agraria, os seus efectos medioambientais e para a saúde traen canda si cuestionármonos sobre que comemos e que bebemos.

Por Moncho Mariño | Santiago | 27/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os cereais evoluiron cara os que coñecemos hoxe, os animais destinados para o consumo humano son cruces de razas que foron desprazando a outras menos rendibles economicamente. As pragas, os animais salvaxes incluidas as aves, podían arruinar unha sementeira e deixar danada unha economía familiar. O pan que comemos hoxe, maiormente é de fariña branca, sen a parte do gran que realmente alimentaría, o farelo, que agora volve baixo a denominación de “pan integral”.

Unha explotación co selo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia
Unha explotación co selo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia

A visión comercial impúxose tamén na alimentación humana facendo que o rendemento primase  moitas veces sobre a calidade. Non todo eran vantaxes antes de coñecérense os antibióticos, algúns tratamentos contra as pragas e outras solucións para evitar males dentro da agricultura e que afectasen ás persoas. Pero a cuestión foi que desde mediados do século XX a agricultura praticamente acabara sendo un dos máis grandes consumidores de químicos.

En resposta a isto, naceu a chamada agricultura ecolóxica que en parte recuperaba algunhas maneiras do antigo traballo agrario mesturado con novas formas de comercialización, tratamento de animais e plantas e cunha visión, nalgunhas ocasións, máis local coa intención de fixar xente no rural segundo o proxecto e os apoios que reciba.

AGRICULTURA ECOLÓXICA

“A agricultura ecolóxica é aquela que presenta un modelo de produción agraria respetando a fertilidade do chan facendo un uso óptimo do mesmo” di Javier García de CRAEGA (Consello Regulador de Agricultural Ecolóxica de Galicia). “Tampouco se sementan especies que estean modificadas ou alteradas xeneticamente” di García.  “A agricultura ecolóxica non usa prodútos químicos de síntese, como os pesticidas ou insecticidas”  remarca Javier Villanueva de Agronovo, consultora especializada no sector agroalimentario. “Ademais diso, os produtos lácteos ecolóxicos son UHT, desde o leite, os iogures e os queixos, con ou sen denominación de orixe” segue García. Outro punto é o benestar animal. Non se admiten concentracións masivas de animais, faise un cálculo por metro cadrado segundo a especie. Así a estabulación non resultaría prexudicial para o animal que viviría en mellores condicións.

No que toca á non utilización de pesticidas e outros elementos químicos, Javier García explica: “un método é a plantación de sebes con especies vexetais que freen a entrada de polen e outros elementos ao terreo onde imos traballar”. Outra modalidade sería a plantación de cultivos de sacrificio. Arredor do cultivo principal plantaríase outra variedade vexetal que sexa máis atractiva para o insecto evitando a entrada no principal. “Tamén se poden facer preparados como a cola de cabalo, especies aromáticas ou maceración de plantas repelentes” resalta García quen tamén sinala “o cultivo que presenta máis dificultades é a vide, porque ten enfermidades que precisan tratamentos moi específicos”.  Con todo, cabe dicir que os cultivos que mellor resisten son aqueles cunha orixe autóctona.


RENDIBILIDADE

Segundo os datos de CRAEGA, actualmente en Galicia hai unha superficie de 31.916 hectáreas para a agricultura ecolóxica en 2017, fronte ás 27.716 hectáreas rexistradas en 2016, un incremento do 15.15% na superficie cultivada. A provincia con máis superficie é Lugo que representa o 46% da superficie total, seguida de Ourense, logo Pontevedra e Coruña reparte entre ellas o 54% restante. A variación na superficie segundo a actividade desenvolvida presenta unhas variacións notables. Por exemplo, as hectáreas para pasto son o 78% do total de terreo para agricultura ecolóxica. O 17% da superficie total é para cultivo permanente e só o 5% para terras arables.

A provincia Lugo representa o 38% do total das terras arables con 655 hectáreas, moi certa está Coruña con 645.  En Lugo concentran o 40% do cultivo de pastos e de millo forraxeiro con 1.289 ha. Ademais, a provincia lucense cultiva o 40% dos cereais, destacando as 50 ha. de trigo, case o 50% do total da comunidade. O mesmo acontece tanto en superficie en pasto permanente co 42% do total en Lugo, ademais do 70% dos cultivos permanentes.

E todo isto para onde vai? Existe unha tendencia, ou polo menos unha teima, que é a do Quilómetro 0. Isto significa que os produtos non circulen máis alá dos punto de venda máis próximos, é dicir que non haxa gasto excesivo de combustible no desprazamento. Por outra banda temos tamén que, en moitas ocasións, os prezos poden ser algo máis elevados que os da agricultura convencional. Nisto inflúe a reconversión das terras á produción ecolóxica e tamén, como vemos o transporte. Unha solución sería “que este tipo de produción se estenda a todas partes” para subministrar a todos os puntos, o que rebaixaría prezos ao seren producións achegadas ao punto de consumo como di Javier Villanueva.

A rendabilidade e por tanto, a fixación de poboación no rural dependerá no futuro do desenvolvemento desta actividade para que teña o peso suficiente e así competir coas producións máis convencionais. O caso é que o crecemento de operadores foi dun 10% no último ano. O tipo predominante son os productores animais con 215 inscritos e o crecemento  maior foi para a produción vexetal con 17 novos operadores.  Os resultados segundo CRAEGA andan arredor do 60 millóns de euros no 2017 fronte a os case 42 millóns de 2016, un incremento de case 20 millóns de euros nun só exercicio.

As conclusións que se tiran son que unha alternativa á agricultura convencional é posible. Todo dependerá da evolución tanto do mercado como das posibilidades de desenvolvemento para os agricultores e agricultoras que decidan traballar neste sector. A cuestión segue sendo que a rendibilidade permita o asentamento de poboación agraria deste tipo para ofrecer unha saída laboral a moitos e moitas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

lamentablemente todo parece indicar que o aumento de terras adicadas a ecolóxico non é unha cuestión de cambio de paradigma senon máis ben responde ao descobrimento dun nicho de mercado... De pouco serve dicir que algún día os produtos terán prezos ASEQUIBLES cando é precisamente o ALTO PREZO o que atrae a esta nova xeracion de produtores ao CRAEGA ! Polo pan baila o can... o malo do conto é que con estes prezos os ricos comerán san mentres o resto imos camiño de engrosar as filas da gordura mórbida por carencia de proteínas frescas... http://gamela00.blogspot.com/2018/0...

1 xos

En realidade, non parece haber ningunha evidencia científica de que os productos ecolóxicos sexan máis nutritivos que os da agricultura tradicional. O que si está ben é a recuperación de variedades perdidas ou abandonadas. Deixo un enlace interesante https://www.eldiario.es/cienciacrit...