Critican que detrás do Plan Básico Autonómico hai intereses "empresariais, urbanísticos e forestais"

Plataformas medioambientais aseguran que esta nova lei "foxe incluso de citar a existencia de espazos naturais a protexer".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/08/2018 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

Este martes o DOG publicaba o Plan Básico Autonómico (PBA) baixo o que o Goberno galego pretende poñer fin á desorganización urbanística en concellos e vilas. "Do que se trata é de ter un marco legal para alguén que queira facer unha casa no rural ou para unha empresa que se queira instalar en concellos pequenos”, suliñaba Feijóo no Consello en que se lle deu o visto e prace ao proxecto o xoves da pasada semana. 

Operarios traballando na construción dun edificio
Operarios traballando na construción dun edificio

Mais as críticas non se fixeron esperar por parte das organizacións ecoloxistas e medioambientais.  A ría non se vendeconsidera que con este plan se consuma "a perda de especial protección como espazos naturais en solo rústico para miles de hectáreas de chan natural galego que figuraban no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia". Segundo AdegaAEMS-Ríos con Vida, este Plan de ordenación do territorio "omite gran parte da rede fluvial". Tal como indican, identificaron definiencias relativas á identificación dos ríos en todos os concellos galegos agás en cinco da provincia de Pontevedra.  

Ademais, A ría non se vende critica que o PBA "fuxe incluso de citar a existencia de espazos naturais a protexer" e recorda que aparellará a desaparición das Normas Complementarias e Subsidiarias de planeamento nas que figuraban os espazos naturais afectados. "Estas normas non se substitúen por outras, simplemente fanas desaparecer". A plataforma achaca este proceder da Xunta de Galicia, non só agora senón tamén ao longo das últimas décadas, a diversos condicionantes. Algúns de índole política, pero máis ben "de complicidade coas de índole urbanística, forestal e empresarial baixo a presión económica do gran capital". Asegura isto fronte á desprotección de zonas que eran solo non urbanizable de espazos naturais e que non foron finalmente integrados por parte da Xunta á Rede Natura. 

Esta é a raíz dos "proxectos de canteiras, parques eólicos, concentracións parcelarias, espallamento dos monocultivos forestais e eucaliptización, centrais e minicentrais hidroeléctricas, urbanizacións na costa, portos deportivos, piscifactorías, vías de alta capacidade, parques industriais…", di A ría non se vende. Coa lexislación vixente, "resulta máis factible a autorización e posta en activo dalgunhas desas obras e proxectos, máxime cando a Xunta estivo a reforzar a primacía destes proxectos urbanísticos e industriais a través dun modelo continuísta, especulador e insustentable". 

Por todo isto, diversas redes mediomabientais - A Terra Non Se Vende, Galiza Non Se Vende e A Ría Non Se Vende -, e os colectivos Verdegaia, Salvemos Monteferro, Luita Verde e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, solicitaron á Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, xa no 2017, que tivera en conta a necesidade de incorporar os Espazos Naturais Protexidos nos Planeamentos das Provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Así mesmo, critican que a Rede Natura 2000 é "exigua e está mal xestionada". 

Por outra banda, consideran necesario acadar alomenos un terzo da superficie terrestre galega como espazos naturais protexisto. Desta maneira, - comentan - restableceríanse axeitadamente os corredores ecolóxicos, tendo en conta os cursos fluviais, as áreas de montaña e outros posibles elementos lineais que sirvan de enlace entre diferentes formacións ecolóxicas. Mais, "como era de esperar, ningunha destas solicitudes foi tida en conta ata o de agora" por parte da Xunta.

"Detrás da desprotección ambiental están a destrucción do territorio e a perda da biodiversidade co que iso implica de perda, mesmo irreversible, de patrimonio natural e biolóxico. Detrás das actividades humanas que levan consigo a propia destrucción do territorio e a biodiversidade tamén están as principais causantes de contaminación atmosférica, do alarmante incremento do quentamento global e da mudanza climática a nivel planetario". Así remata falando a rede A ría non se vende, que esixe que a Xunta teña en conta as propostas de redes e colectivos ambientalistas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta