O "Marisquiño": chove sobre mollado

No episodio acontecido no “Marisquiño” de Vigo estase rexistrando unha coincidencia significativa:a presunta fatiga dos materiais da plataforma portuaria que acollía a unha parte das persoas que presenciaban os concertos do devandito festival convive coa forte resistencia a calquera asunción de responsabilidades políticas por parte das cabezas visíbeis das institucións involucradas (Autoridade Portuaria e goberno municipal).

Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 30/08/2018

Comparte esta noticia

Resulta obsceno o espectáculo de atribución mutua de culpabilidades protagonizado por dous políticos (Enrique López Veiga e Abel Caballero) que teñen en común a pertenza a partidos que gobernan con maioría absoluta nas súas respectivas administracións (Xunta e Concello).Esta circunstancia, no canto de ser unha oportunidade para facer unha demostración pedagóxica da ética e do talante que deben exercer os cargos públicos ante sucesos de semellante gravidade, actúa como incentivo de impunidade ante as demandas de transparencia que se formulan dende o corpo social.Neste caso, ademais, concorren dous antecedentes relevantes:López Veiga foi conselleiro de Pesca cando tivo lugar a catástrofe do Prestige e Caballero ocupou, hai algúns anos, o mesmo posto que agora desempeña o membro do PP vigués.Xa que logo, ambos políticos tiveron experiencias adicionais que non lle permiten, agora, alegar ignorancia ante este tipo de sucesos.

A traxedia do Alvia en Angrois, os incendios forestais do outono pasado ou este accidente do “Marisquiño” constitúen exemplos ilustrativos da cultura política dominante nos partidos tradicionais (PP e PSOE).Cando suceden feitos coma eses, a reacción é sempre a mesma:transladar a resolución dos problemas ao ámbito xudicial e rexeitar todo o que signifique recoñecer erros na xestión dos recursos públicos.En todos eses casos non se conxugou o verbo dimitir.Ninguén abandonou o seu cargo na estrutura da Xunta, no concello de Vigo ou na dirección das empresas públicas de transporte.

A poucos kilómetros do territorio galego, no ano 2001, dimitía o ministro portugués de Obras Públicas polo derrubamento dunha ponte -como agora en Xénova- coa terríbel consecuencia de varias persoas mortas.O ano pasado, outra ministra -a de Administración Interna- abandonaba o goberno do pais viciño por mor dos gravísimos incendios forestais rexistrados no verán.

As maiorías absolutas non poden ser cheques en branco para avalar comportamentos prepotentes e prácticas de populismo caudillista.Cando se reivindica a rexeneración da vida política estase apelando á necesidade dunhas prácticas moi diferentes ás que hoxe están protagonizando estes dirixentes políticos.
 

Feridos no accidente do Marisquiño
Feridos no accidente do Marisquiño | Fonte: Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.