O BNG pide un plan de xestión ante a "explosión demográfica" do xabaril

Avisa de que a presión cinexética, con 15.000 individuos cazados ao ano, aumenta a reprodución da especie

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/08/2018 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O deputado do BNG Xosé Luís Rivas, Mini, avanzou este mércores que o seu grupo presentará unha batería de iniciativas na Cámara co fin de reclamar á Xunta axudas para os agricultores ante os ataques do xabaril, que experimenta unha "explosión demográfica" en Galicia.

Xabaril
Xabaril | Fonte: Universidade de Lisboa.

En rolda de prensa en Santiago, o deputado nacionalista denunciou que "desde 2016 non hai ningunha axuda autonómica" para os agricultores que ven as súas colleitas de millo esnaquizadas pola proliferación desta especie, con "danos que son cada vez maiores".

Neste sentido, demanda a posta en marcha dun plan de xestión do xabaril. Lembra que en 2014 a Xunta falou dun plan da Universidade de Vigo, pero "non se sabe se fixo" nin "aplicou". Tamén se referiu a unha partida de 1,3 millóns anunciada polo Goberno galego para danos en cultivos e accidentes de tráfico, pero "nada se soubo tampouco dela".

Por iso, demanda unha liña de axudas "seria" e "ben feita", á vez que pide que se ofrezan teléfonos que atendan as chamadas, xa que di que actualmente "non contestan" os números dispoñibles. E máis neste ano no que hai "unha colleita de millo impresionante".

CAZA DE 15.000 XABARÍS AO ANO

Respecto diso, apunta que esta situación "se debe en parte á presión cinexética", pois reprocha que a Xunta só recorre ás batidas como "única" solución. Rivas remarca que existen teorías que indican que as "especies que soportan maior mortalidade tenden a aumentar a reprodución". Desta forma, "canto maior é a presión, maior é o disparo reprodutor".

Así, alerta de que cada ano se cazan 15.000 xabarís en Galicia, o que considera unha "burrada", mentres hai anos esa cifra non chegaba aos 5.000. Tamén reflexiona sobre como os cans que se empregan para perseguir ás mandas de xabarís están "a incidir sobre outras especies", polo que non hai "só danos sobre os cultivos".

Por iso, empraza á Xunta a combinar as batidas con "outras medidas de control" que "están a funcionar" noutros sitios, como poidan ser capturas dos animais vivos ou esterilización, e chama ao Goberno autonómico a "deixarse aconsellar por expertos".

Hai uns días, o sindicato Fruga, próximo ao BNG, alertaba dos "ataques masivos" do xabaril sobre as colleitas e pedía que sexa declarado como "praga".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta