Valdeorras apoiará aos viticultores prexudicados por pragas

A D.O. Valdeorras aprobou solicitar axudas para os produtores que perdan produción por mor de pragas e tamén deu luz verde ao comezo dos traballos preparatorios para a vendima 2018.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 30/08/2018 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

O Pleno do Consello Regulador decidiu por unanimidade solicitar axudas á Consellería do Medio Rural para aqueles  viticultores valdeorreses cuxa produción se vexa afectada por diferentes pragas e doenzas fitosanitarias sempre que poidan demostrar “unha diminución no número de quilos recollidos respecto á media obtida nos tres anos anteriores”. Así o valorou o presidente do organismo, José Luis García Pando, unha vez finalizada a xuntanza.

Viña de godello. Fonte: CRDO Valdeorras
Viña de godello. Fonte: CRDO Valdeorras

O mesmo organismo aprobou, tamén por unanimidade, dar comezo aos traballos preparatorios para a campaña de vendima 2018, que se iniciará nos vindeiros días na comarca. Neste sentido, o Pleno acordou contratar os vedores para a vendima a través da empresa Ader, unha empresa de traballo temporal coa que xa se colaborou o ano pasado.

Paralización das verificacións de aptitude dos viños

Finalmente, como en anos anteriores, o Pleno do Consello Regulador aprobou paralizar as verificacións de aptitude das partidas de viños. É dicir, para non interferir coa vendima, paralízase entre o 12 de setembro e o 17 de outubro o traballo ordinario de catas que se vén desenvolvendo periodicamente nas instalacións do Consello.

Polo tanto, as bodegas interesadas teñen agora 15 días por diante para poder verificar a aptitude das súas partidas antes de que se paralicen temporalmente as catas.

Pleno finais agosto. Fonte: CRDOV
Pleno finais agosto. Fonte: CRDOV

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta