Controlado o incendio de Monterrei mentres os rexistrados na Teixeira están extinguidos

Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 126,15 hectáreas das que 113,55 son de raso e o resto arborado.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2018 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural informa de que ás 20,15 horas desta tarde quedou controlado o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Monterrei, concretamente parroquia de Vilaza.

Incendio en Ourense
Incendio en Ourense

O lume iniciouse ás 17,54 horas do mércores e segundo as últimas medicións afectou unha superficie de 126,15 hectáreas, das cales 113,55 son de raso e o resto de arborado. Para controlar este lume traballaron 2 técnicos, 31 axentes, 61 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 13 helicópteros e 5 avións.

Os dous lumes na parroquia no concello da Teixeira, comezaron con media hora de diferenza entre eles, un ás 15:30 e outro ás 16:00. Os dous só foron conatos de incendio.

No primeiro lume participaron un axente, catro brigadas, dúas motobombas e tres helicópteros. No segundo lume acudiron un axente, tres brigadas e dúas motobombas.

Outro incendio que se iniciou sobre as tres da tarde deste venres en Punta Couso, na parroquia de O Hío en Cangas, Pontevedra, está controlado desde as catro e media, segundo informou a Consellería do Medio Rural.

Este lume, de pequenas dimensións, afectou a algo menos dunha hectárea de monte raso, segundo se precisou desde Medio Rural. No lugar, traballan un axente, cinco brigadas, dúas motobombas e un helicóptero.O incendio iniciouse na zona da punta do cabo e no seu avance as chamas diríxense cara ao mar, na ría de Aldán, o que contribúe ás tarefas de extinción do lume.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta