A CRTVG; terreo público ou couto privado?

A Corporación Radio Televisión de Galicia leva tempo en situación convulsa. Anuncio de modificacións na programación e a desaparición das conexións locais. Demisión de dous presentadores de informativos, un deles con expediente disciplinario. Venres Negros por sentiren que os están presionando para informar segundo uns parámetros determinados. Salarios por debaixo dos cobrados en 2010. GC analiza cos actores sindicais e coa propia compañía o que está a acontecer con este ente público do que dependen máis dun milleiro de persoas. Vídeo anunciando a manifestación do día 8 de setembro.

Por Moncho Mariño | Santiago | 03/09/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As acusacións de manipulación informativa na radio e televisión galegas veñen de vello. Coa chegada en 2009 da administración presidida por Núñez Feijóo houbo un pacto PP-PSOE para nomear a Alfonso Sánchez Izquierdo como director xeral da Compañía primeiro, Corporación logo. Aínda que despois, en sede parlamentaria, PP e PSOE botaran en cara uns a outros que non era o acordado. A día de hoxe na CRTVG está habendo eventos que non se viran con frecuencia ata o de agora, caso dun expediente disciplinario ou a denuncia diante do Parlamento Europeo da “falta de cumprimento dos criterios de obxectividade, a veracidade e o pluralismo da información, tal como se recolle na Lei 9/1984, de 11 de xullo, de Creación da Compañía da Radio-Televisión de Galicia”.

Rolda de prensa comités CRTVG-CRTVE
Rolda de prensa comités CRTVG-CRTVE | Fonte: CUT

Tamén están as cuestións legais que modificaron o estatuto da Compañía que pasou a ser Corporación (CRTVG) coa Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisuais de 2011. Unha lei que está sen desenvolver, segundo as fontes sindicais. O cambio de figura legal trouxo tamén a posibilidade de elixir o director xeral con dous terzos do Parlamento. Pero visto que este punto non se cumpriría nin sequera cun pacto PP-PSOE a día de hoxe por insuficiencia de parlamentarios, a lei de acompañamento dos Orzamentos de Galicia de 2016, confirmou no seu posto ao actual director xeral, polo menos ata que haxa posibilidades de consenso. Súmaselle a isto a situación laboral, pois a día de hoxe estímase segundo fontes sindicais, que un 40% das traballadoras e traballadores da Corporación son eventuais, con bolsas de formación ou temporais. Logo está a perda de poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras fixas coas rebaixas nos salarios xustificadas coa crise e a perda tamén de pluses e incentivos.

QUE PASA?

“Unha situación complicada, con manipulación informativa que ao meu entender foi aumentando nos últimos meses, sobre todo nos espazos informativos” di Raimundo Méndez, presidente do Comité Intercentros da CRTVG. “Isto ocorreu sempre baixo o partido que estivese no goberno da Xunta” sinala Méndez, UGT, que ademais apunta “o ano que vén hai eleccións municipais e  entendemos que parte da desaparición das emisións locais é debido a iso”.

As acusacións de manipulación informativa chegaron a tal punto, que as protestas contra ela  viron nacer os “Venres Negros” #venresnegros. “Foi unha iniciativa dos traballadores e traballadoras, foron sumándose pouco a pouco a ela, pero os sindicatos non xestionamos este movemento”. Quen di isto é Jesús Domínguez de CC OO, “a resposta foi grazas á difusión nas redes sociais  destas protestas” cousa que tivo por contrapartida “que a compañía acuse ao movemento de denigrar a empresa e de desprestixiala”.

Comisión CRTVG
Comisión CRTVG

O caso da desaparición das emisións locais, así como modificacións nas grellas de programación, que levarán a “Diario Cultural” desaparecer no seu actual formato para ser dividido en varios miniespazos, forman parte das posibles vías de control sobre a información. O ano electoral 2019 levaría á centralización da información na sede de San Marcos. “A xente das delegacións entendemos que non perderán o seu posto pero tamén vemos isto como parte do control informativo porque todo ese traballo vai desaparecer” insiste Méndez.

Fontes da CRTVG consultadas por Galicia Confidencial declaran que “a orixe dos chamados #venresnegros está nun movemento de solidariedade con Televisión Española para que, na fin de mandato do seu presidente executivo, se aplicasen os acordos para a renovación dos seus órganos de goberno”. Segundo estas fontes, primeiro traballadores da Corporación RTVG e logo do Comité Intercentros solidarizáronse cos traballadores de CRTVE. Logo virían as protestas para a petición dun Consello de Informativos e máis adiante “chegou a reivindicación contra a presunta manipulación informativa e as protestas contra o presunto “desmantelamento do servizo público” e pola presunta desaparición da información cultural e as desconexións locais da Radio Galega”.

Se se pregunta como se manipula ou inflúe sobre a información, existe un  denominador común: “Decídese que se cubre e que non, se é con equipos propios ou con axencias, ou con informacións que saen na prensa e que non podes contrastar”. Andrea de Francisco, membro da Central Unitaria de Traballadores (CUT) adianta uns trazos coincidentes cos descritos por outras forzas sindicais. “Estamos faltos de medios para a cobertura de incendios, por exemplo, no caso do accidente do Marisquiño pois non se cubre como se debera” di Santiago Alvite, da CIG. “Unha vía é asignar as informacións máis trascendentes a quen ten unha situación laboral precaria, bolseiros, temporais ou eventuais, mentres que o persoal fixo queda relegado a outras funcións” sinala Domínguez de CC OO. “Ofrécese a mínima información negativa para o PP, o caso Gürtel, no informativo de medio día foron corenta segundos, logo ofrécense informacións negativas dos outros partidos e nas tertulias levan as persoas que son críticas dentro da súa formación política” resume Domínguez.  Xunto a estas accións tamén figuran a sobrecarga de informacións, moitas veces intrascendentes e as declaracións recollidas á oposición son baleiras de contido informativo.

Tal era a situación que dous condutores estrela dos informativos, Tati Moyano e Alfonso Hermida, demitiron como presentadores diante do que consideraban presións sobre eles no desenvolvemento do seu traballo. No caso de Moyano, a denuncia foi máis alá cando nunha gala benéfica fixo mención á situación en CRTVG diante de Núñez Feijóo. Finalmente foille aberto expediente disciplinario, segundo fontes sindicais como medida exemplarizante. As fontes da CRTVG din que hai varios expedientes abertos nestes momentos, e no caso da presentadora Tati Moyano “é pola presunta violación do artigo 91.4.18 do Convenio Colectivo en vigor”. Dito artigo di que “A realización de actividades profesionais en tempo de traballo alleas a aquela que debería desenvolver como consecuencia do seu posto de traballo, así coma empregar para fins distintos ao cometido profesional e no seu propio beneficio ou de terceiros, os útiles, materiais, instalacións e medios técnicos e humanos da empresa”. A gala benéfica non era remunerada segundo fontes do Comité Intercentros que tamén din que o uso de vestiario da CRTVG fóra das instalacións de San Marcos para actividades como a devandita gala é algo habitual.

O caso é que en maio de 2018, diante do Parlamento Europeo e nunhas xornadas organizadas na cámara europea, presentáronse unha serie de queixas por parte do Comité Intercentros polo que consideran o incumprimento dos diferentes puntos que levaron á creación da CRTVG “veñen incumprindo de forma sistemática a obriga legal de garantir a obxectividade, a veracidade e o pluralismo da información, tal como se recolle na Lei 9/1984, de 11 de xullo, de Creación da Compañía da Radio-Televisión de Galicia” . Como exemplos apareceron o tratamento das vacas tolas de 2009, os incendios en 2017 e outros como as denuncias de manipulación por parte do xornalista Luis Quintás .

Non obstante, a Corporación responde que “A Lei 9/1984 de 11 de xullo está derrogada, o marco  legal é a Lei de Medios Públicos de Comunicación de 2011”. E sobre o marco e contexto físico onde se organizaron as xornadas, as fontes da CRTVG declaran que “Dicir que foi no Parlamento Europeo pode levar a engano. A comparecencia foi no edificio Altiero Spinelli, adxacente ao edificio Paul Henry Hasbat, onde está o hemiciclo, que é o que se entende por Parlamento Europeo”. Sobre outros temas as fontes da Corporación din “A CRTVG estará encantada de desmentir, como xa se fixo na Comisión de Control da CRTVG, falsidades e novas falsas xurdidas en torno a cobertura do caso Gürtel, a nova programación da radio galega, ou as mentiras sobre a non aparición de planos xerais da praza do Obradoiro na cobertura da mina de Touro”.

O QUE NON SE VE, O QUE NON SE DI E O QUE NON SE OE

A difusión dos Venres Negros polas redes sociais permitiu a moita xente coñecer parte do que acontece dentro “da galega”. Pero á parte da manipulación denunciada están as condicións laborais que tamén denuncian os diferentes traballadores e traballadoras. “A situación laboral é de inestabilidade se temos en conta que o 40% do persoal está en réxime de temporalidade, parte do motivo dos Venres Negros e isto trouxo un clima de tensión dentro da redacción” di Andrea de Francisco.

En 2010 rebaixáronlles un 5% os salarios aos e ás traballadoras públicas. Pasado o tempo outros medios públicos conseguiron recorrer esta medida e ao final recuperaron dita porcentaxe. “No noso caso buscariamos unha suba do 3% nos salarios” di Santiago Alvite que lembra “a negociación está en Madrid e o que se acadou entre patronal e sindicatos foi a suba dun 1,5% para este ano”. Pero os recortes seguiron porque “en 2012 como medidas temporais, quitaron algúns capítulos como o que ía para un fondo de pensión da Corporación” di Raimundo Méndez. Logo de perderen diante do TSXG a denuncia contra os recortes, quixeron levar o tema ao Tribunal Supremo pero a denuncia non foi presentada en tempo e forma.

A CRTVG responde que “a reivindicación sindical sobre o salario está sobre a mesa”. Considerada como “unha reivindicación lexítima cuxa satisfacción non depende completamente da CRTVG”. As mesmas fontes da Corporación din que “a retribución salarial dos traballadores dos medios públicos está bastante por riba da media do sector dos medios de comunicación en Galicia”.

EXTERNALIZACIÓNS

A situación laboral é máis precaria nas produtoras que a CRTVG contrata para producións externas. “Hai programas externalizados desde hai moito tempo, pero iso iría contra a idea de que a Corporación debe informar e entreter e volver a producir os seus programas” di Teté Pérez de CC OO. “Isto é a perda de control sobre o que se fai, non seleccionamos desde TVG e así os medios van a menos” di Andrea de Francisco. “Tamén se ten externalizado os directos nos informativos cousa que iría contra a Lei dos Medios Adiovisuais de Galicia de 2011” apunta Pérez. Dita lei está sen desenvolver apuntan desde o Comité Intercentros, pero no seu artigo 5 punto 5, di que as informacións non se poden ceder a terceiros.

Esta posición contraponse a dous puntos que sinalan desde a Corporación RTVG, a primeira que o marco legal baixo o que traballan os medios públicos galegos é “todo o marco legal vixente, e por suposto a Lei de Medios Públicos de Comunicación de 2011”, en principio sen desenvolver. Por outra banda, sobre a externalización de informativos as fontes da Corporación sinalan que “a norma di que os informativos da CRTVG teñen que ser de producción propia como así son, pero non así o sistema de fontes de aprovisionamento da información como por exemplo as axencias de noticias ou mesmo as productoras ou correspondentes cos que a CRTVG traballa en todo o mundo”.

Actualmente existen unhas 40 produtoras que estarían ao abeiro da CRTVG para traballar, sobre todo en temas de ficción. Boa parte destas produtoras estarían ligadas ás grandes cabeceiras xornalísticas do país, Grupo La Voz, Productora Faro, La Región que estarían para dar servizos á Corporación. Por que están aí “non se sabe ben, pode que por intereses” di Teté Pérez. A relación entre estas produtoras e as grandes cabeceiras xornalísticas poderían ter tamén relación coas axudas que se reparten para os medios desde a Secretaría Xeral de Medios

DIRECCIÓN XERAL

A outra cuestión é a persoa a quen van dirixidas as críticas. Alfonso Sánchez Izquierdo chegou á dirección xeral da CRTVG en 2009. Foi unha decisión froito de pactos políticos entre PP e PSOE para colocar alguén de consenso para as dúas forzas políticas. Non obstante, pasadas unhas horas o enfrontamento entre os dous partidos por este nomeamento deixou ver que aínda así non había un acordo total. 

Co paso do tempo, Sánchez Izquierdo acabou sendo un xestor máis que un director. “Non está no día a día das redaccións, está na xestión doutras cuestións” di Jesús Domínguez. Se a lei de Medios Públicos de Galicia se desenvolvese desde a súa aprobación en 2011, o posto na dirección xeral tería que contar co apoio de 2/3 do Parlamento, cousa a día de hoxe imposible.

Non obstante, e de cara á “estabilidade” dentro da Corporación, a opción foi consolidar a Sánchez Izquierdo no seu posto mediante a Lei de Acompañamento aos Orzamentos de Galicia en 2016 na que se modificou a disposición transitoria terceira da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

Con esta nova modificación queda recollido que "o Consello de Administración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e a súa dirección xeral continúan, nos termos establecidos na Lei 9/1984, de 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, no exercicio das súas funcións ata que se inicie pola Corporación RTVG a súa actividade de prestación do servizo público de radio e televisión. Se neste momento non estivese elixida a persoa titular da súa dirección xeral, o exercicio das súas funcións corresponderá transitoriamente á persoa que fose titular da dirección xeral da Compañía””.

DIXITALIZACIÓN

O reto que agora mesmo está afrontando a CRTVG é a dixitalización, un cambio nos formatos de soporte que deixarán atrás formas de traballar cos contidos, que moverán os mesmos por redes sociais cunha velocidade máis elevada sobre todo pensando nos dispositivos móbiles. Raimundo Méndez di que desde o Comité intercentros entenden que ese cambio ten que facerse “pero non están poñendo os medios para o cambio e tamén hai funcións que ao seren asumidas por determinadas categorías aumentarán a carga de traballo e esa parte haina que negociar”.

As fontes consultadas dentro de CRTVG sinalan que este proceso de dixitalización arrinca este mes setembro na Corporación e que “require o traballo de todos”. Isto sendo conscientes de que “calquera proceso de cambio xera tensións dentro dunha organización deste calibre”.  E tamén apuntan a escenarios nos que lles será preciso apoiarse nas grandes corporacións tecnolóxicas para realizar o cambio dixital.  “O desenvolvemento do chip cuántico por parte de IBM fará que as velocidades e as capacidades de almacenamento que temos hoxe en día sexan completamente ridículas comparadas co que vén, o coñecido como o Internet das Cousas”.

Con todo, esta nova xeira para os medios públicos suporá cambios no plantel laboral que agora mesmo están por negociar como xa dixo Raimundo Méndez. “Agora mesmo estamos negociando pero aínda así pedimos a mediación do Consello de Relacións Laborais para isto e a data límite para o pronunciamento é o 31 de outubro deste ano”. Consultadas as fontes da CRTVG, estas respondero que a Corporación “non polemiza públicamente co Comité Intercentros e respecta todas as súas actuacións. Existen canles internas de interlocución cos diferentes Comités e tamén co resto de  traballadores da CRTVG”.

Con todo isto, o día 8 deste mes de setembro organizarase unha marcha desde os estudos da Corporación en San Marcos que parará na delegación de CRTVE tamén na mesma San Marcos. Nela participarán conxuntamente o Comité Provincial da Coruña para RTVE e o Intercentros de CRTVG. Percorrerán o último tramo do Camiño de Santiago ata a praza de Praterías e alí lenrán senllos manifestos sobre as súas peticións e o estado das cousas en ambas as dúas corporacións.

Entrevista a Raquel Lema (CRTVG) e Manuel Ramos (CRTVE A Coruña,), canal www.pilaraymara.com, www.rosaliatv.com.


Sede da CRTVG en San Marcos
Sede da CRTVG en San Marcos | Fonte: crtvg
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 André

Acrescentar a baixa qualidade linguística, ainda pior no caso das produtoras e os conteúdos cada vez menos culturais. E futebol para encher telejornais.

2 Gamela

Alguén é capaz de saber canto cobran estes artistas do Consello de Administración ? http://www.crtvg.es/crtvg/portal-de...

1 Buitres non

A mellor noticia para os galegos sería o peche da Telegaita, niño de enchufados con soldos siderais.