Luís Emilio Batallán suspende a súa folga de fame "por recomendación facultativa"

Así o confirmou este luns o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra. O cantautor e médico iniciara este xaxún o 27 de agosto.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2018 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

O cantautor e médico xubilado Luís Emilio Batallán suspendeu a folga de fame "por recomendación facultativa do médico responsable do seu seguimento". Así o confirmou este luns o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.

Luis Emilio Batallán
Luis Emilio Batallán | Fonte: youtube

Batallán, que iniciou o seu xaxún voluntario o pasado 27 de agosto, tivo que interromper esta medida de protesta aos catro días para recibir asistencia domiciliaria ante os primeiros síntomas de debilidade seria. Os médicos temían que se producise un dano irreversible nos riles debido a un cálculo renal.

Luís Emilio Batallán decidira deixar de inxerir alimentos para "defender a dignidade dos profesionais sanitarios que están a traballar nunhas condicións lamentables" e para reclamar "que se acabe cos recortes na sanidade pública", ademais de dar "unha chamada de atención á Xunta e ao poder político de que isto non pode seguir así".

Batallán tamén criticaba que tivese que xubilarse no ano 2013, nun período no que a Xunta de Galicia non permitía ampliar a idade de xubilación dos médicos. Con todo, a Consellería de Sanidade si autorizou, a partir do ano 2016, que os facultativos a atrasasen até os 68 anos.

Este luns, nun comunicado oficial, o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra manifestaba que a institución "comprende o seu malestar" do mesmo xeito que "o existente noutros compañeiros", para coa "política errática de xubilacións do SERGAS, con cambios de criterio na súa aplicación que deixan a compañeiros en situación de discriminación en función do tempo de cumprimento da idade da devandita xubilación". Despois de ser sometido a probas clínicas no Hospital Montecelo o popular cantautor tivo que supeditar ao diagnóstico clínico a continuidade da súa protesta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta