Temas: CCOO UGT CIG CUT PARO

Os sindicatos alertan da "fraxilidade" laboral en Galicia e piden cambios na xestión económica

Os principais sindicatos galegos fan unha valoración sobre os datos da EPA en Galicia do mes de agosto. Neste sentido consideran que o goberno de Feijóo está vendendo unha política económica que nalgúns casos "é unha falacia".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2018 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

Os sindicatos galegos realizaron xa as súas análises sobre os datos de emprego e desemprego coñecidos este martes. Un punto en común entre as forzas sindicais é que a política económica da Xunta de Galicia non reflicte a "recuperación" que desde o goberno galego aseguran que se está producindo.

Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo. EUROPA PRESS - Archivo
Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo. EUROPA PRESS - Archivo

FRAXILIDADE DO MERCADO LABORAL

Desde Comisiones Obreras (CC OO) constatan a fraxilidade do mercado laboral galego, incapaz de converter en estruturais os postos de traballo creados durante o verán. Isto reafirma a necesidade "dun cambio de modelo produtivo en Galicia para que o crecemento sexa firme e duradeiro". CC OO esixe tamén,"reforzar a política industrial, pois este sector debe ser un dos principais motores da economía galega".

Os datos de contratación confirman a esaxerada temporalidade no mercado laboral: o 91,41 % dos contratos rexistrados en agosto foron temporais. En cifras absolutas, son 91.149 contratos temporais e só 8.568 indefinidos.

COBERTURA POR DESEMPREGO

UGT pola súa banda apunta que "cada vez é máis baixa e preocupante a cobertura de desemprego" e a suba do desemprego feminino e en menores de 25 anos. O dato do paro rexistrado do mes de agosto en Galicia "non pode ocultar os altos índices de rotación laboral e precariedade, eivas que están lastrando ao mercado laboral da nosa Comunidade".

A taxa de cobertura das persoas desempregadas en Galicia "é do 53% deixando fora do sistema de protección por desemprego a 84.830 persoas, sete puntos por baixo da cobertura estatal". Esta mesma debilidade traslúcese segundo UGT "no feito que tanto as mulleres como os mozos menores de 25 anos seguen sendo os colectivos máis prexudicados polo desemprego en Galicia".

CIFRAS PREOCUPANTES PARA O MES DE AGOSTO

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, sinala que están "acadándose un total de 164.424 persoas desempregadas, un cambio de tendencia moi preocupante“ porque ""é a primeira vez que isto ocorre neste mes desde o ano 2011". A situación é máis preocupante aínda cando, malia aumentar o desemprego, "se rexistraron nin máis nin menos que 99.717 contratos, dos que só o 8,5% foron indefinidos", o que denota a enorme temporalidade do mercado de traballo e "a grave precariedade laboral que sofren as e os galegos".

A CIG demanda un cambio urxente" das políticas económicas e laborais e urxe á articulación de medidas de protección social que dean cobertura ao cada vez maior número de persoas desempregadas que non reciben ningún tipo de prestación".

NON HAI VONTADE DE ELIMINAR A REFORMA LABORAL

O secretario xeral da CUT, Ricardo Castro, cualificou os datos como "a crónica dunha morte anunciada" porque "aínda que a Xunta ofreza que non sobe o paro, o que temos é unha situación de precarización económica que nos leva á inestabilidade laboral". O que reflicten os datos, segundo Castro, é que se hai aumento de emprego "é un emprego fictício que ten detrás unha precarización brutal e que non permite a unha persoa vivir dun salario senón que ten que buscar máis fontes de ingresos".

Sobre a derogación da reforma laboral, Castro considera que o Goberno Central presidido por Pedro Sánchez, "non ten vontade de eliminar esa reforma porque os grandes partidos obedecen ás ordes da UE e dos grandes consorcios económicos".

Temas: CCOO UGT CIG CUT PARO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 millor caladiños....

Propoño como medida eliminar aos sindicatos politizados .