Ex-directivos de Caixanova enfróntanse a un novo proceso xudicial por un buraco de 80 millóns para Alfageme

O xuíz José de la Mata, da Audiencia Nacional, considera que puideron incorrer en delitos de branqueo e apropiación indebida ou administración desleal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2018 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O xuíz do Xulgado de Instrución número 5 da Audiencia Nacional, José de la Mata, acordou proceder contra o ex-presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; os ex-directores xerais da entidade Gregorio Gorriarán e José Luis Pego, así como outras sete persoas investigadas ante a posible comisión de delitos de branqueo de capitais e delitos societarios en relación á concesión de préstamos á empresa Promalar para a compra dunha conserveira.

Membros da cúpula de Caixanova xulgados nos tribunais
Membros da cúpula de Caixanova xulgados nos tribunais | Fonte: elconfidencial.com

En concreto, De la Mata considera que estes ex-directivos "deseñaron un mecanismo claramente expropiatorio da entidade financeira que foi moito máis alá da adopción de actos erróneos no exercicio das súas facultades de administración" e que ocasionou un prexuízo de 80 millóns de euros a Caixanova. Entende que os seus actos poderían constituír un delito societario por administración desleal da xestión do patrimonio social ou apropiación indebida e branqueo de capitais.

Segundo detalla o auto, que pon fin á instrución, os feitos sitúanse entre 2005 e 2010, cando os investigados levaron a cabo catro operacións financeiras para que Promalar comprase e reflotase a conserveira Bernado Alfageme, que naquel momento presentaba serias dificultades económicas e cuxos accionistas mantiñan unha estreita relación con Caixanova.

O xuíz explica que para levar a cabo o plan, os máximos xestores de Caixanova propuxeron a outro dos investigados, Juan Lago, administrador de Promalar, a compra da conserveira e simuláronse contratos que ocultaban a verdadeira natureza e a finalidade das operacións de financiamento, "que era beneficiar a Lago Pérez e aos accionistas de Bernardo Alfageme, causándolles un prexuízo multimillonario á entidade financeira Caixanova".

Como garantía dos préstamos hipotecarios concedidos entregáronse leiras en distintas zonas de Galicia, pero estaban taxadas até 190 veces por encima do seu valor real: na primeira operación, para cubrir o risco de 60 millóns do préstamo hipotecario, entregáronse en garantía leiras que Tasagalicia valorara en 133 millóns de euros no ano 2005 e cuxo valor real en 2010 era de 2,5 millóns de euros.

Noutras operacións, tal e como detalla o auto, a valoración excesiva das garantías condicionábase á aprobación de plans urbanísticos de recualificación de terreos, "e taxadas principalmente por Tasagalicia, empregando métodos de valoración incorrectos, e sen aplicar ningunha cautela ou control das valoracións por parte dos xestores de Caixanova". "O resultado final foi que o valor de taxación das leiras outorgadas como garantía se depreciou posteriormente practicamente na súa totalidade", sinala De la Mata.

CRÉDITOS CON GARANTÍAS INFLADAS

O xuíz conclúe que toda a operativa despregada polos imputados tivo desde o seu comezo a finalidade de conseguir beneficiar a Lago Pérez e aos accionistas de Bernardo Alfageme pola súa estreita relación coa Caixa, "facilitando a súa saída da sociedade en condicións favorables e en prexuízo da entidade de crédito que administraban".

Para iso, argumenta De la Mata, "os directivos de Caixanova concertáronse con Lago Pérez, a través de Gorriarián Laza, para facilitarlle cantidades millonarias para comprar Bernardo Alfageme aos seus socios. Estas operacións estaban cubertas con garantías inmobiliarias taxadas de maneira absolutamente irregular (taxáronse leiras en 190 veces o seu valor) ocultando ou obviando a existencia de evidentes condicionantes urbanísticos que reducían drasticamente o valor das leiras outorgadas en garantía", sinala o auto.

Conforme detalla o xuíz, os préstamos e créditos non foron devoltos en ningún caso, "e supuxeron perdas multimillonarias á vista do ínfimo valor das garantías inmobiliarias, tratando os imputados de ocultar a súa responsabilidade alegando mala sorte, frustración de expectativas, ou a socorrida crise inmobiliaria".

ADMINISTRACIÓN DESLEAL OU APROPIACIÓN INDEBIDA

Despois de analizar as operacións dos imputados, o xuíz entende que polo menos tres delas encaixan o delito de apropiación indebida, xa que os investigados realizaron disimulados "actos apropiatorios para terceiros con respecto ao diñeiro da entidade que administraban, que foron máis aló dos excesos das súas facultades de administración ou abusos no exercicio das súas competencias".

No entanto, mantén aberta a cualificación alternativa de administración desleal porque tamén hai "actos de abuso das funcións propias do seu cargo".

Do mesmo xeito, o xuíz aprecia nalgúns dos investigados a comisión de delito de branqueo de capitais porque se produciu un delito societario con prexuízos multimillonarios a Caixanova e cometéronse actos dirixidos a ocultar ou a permitir o aproveitamento deses bens ilícitos.

Desagregado, o prexuízo causado a Caixanova é de 64,86 millóns euros pola falta de pagamento da póliza do crédito concedido, de 6,03 millóns pola resolución do contrato coa promotora e de 9,66 millóns polo préstamo hipotecario; en total 80,56 millóns de euros que corresponderían a Novacaixagalicia, entidade que naceu do proceso de fusión de Caixanova con Caixa Galicia.

Para tres dos investigados nesta causa —Pego Alonso, Gorriarán Laza e Fernández Gayoso— non é o primeiro procedemento xudicial relacionado coa súa xestión na entidade, xa que foron condenados a dous anos de cárcere cada un por este mesmo órgano en relación co cobro de indemnizacións millonarias que se concederon a si mesmos antes de abandonar a entidade e que alcanzaron os 22 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta