As execucións hipotecarias sobre vivendas en Galicia crecen un 60,8% no segundo trimestre, até 399

O número de execucións hipotecarias sobre vivendas en Galicia situouse en 399 no segundo trimestre do ano, unha cifra que supón un 60,8% máis que no mesmo período de 2017, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2018 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

En comparación co primeiro trimestre, a cifra tamén experimentou un importante incremento, ao pasar de 90 a 399. A estatística de execucións hipotecarias do INE non precisa cantas das 169 execucións sobre vivendas se corresponden con vivendas habituais, como si o fai no caso do conxunto estatal.

Execucións hipotecarias sobre vivendas en Galicia segundo trimestre 2018
Execucións hipotecarias sobre vivendas en Galicia segundo trimestre 2018 | Fonte: Europa Press

Si recolle, no entanto, a distribución das vivendas sobre as que se realizaron execucións hipotecarias por estado (355 usadas e 44 novas) e por titular (119 persoas físicas e 280 persoas xurídicas). Galicia representa a sétima maior cifra por comunidades neste índice.

En total, as execucións hipotecarias sobre o total de fincas na comunidade galega ascenderon a 576: as 399 sobre vivendas, 20 sobre solares, 145 sobre outras urbanas e 12 sobre fincas rústicas.

DATOS ESTATAIS

A nivel nacional, o número de execucións hipotecarias sobre vivendas habituais situouse en 1.762 no segundo trimestre, cifra un 13% inferior á do trimestre anterior e un 38% por baixo da do mesmo período de 2017.

O obxectivo principal desta estatística é ofrecer trimestralmente o número de certificacións de execucións hipotecarias iniciadas e inscritas nos Rexistros da Propiedade durante o trimestre de referencia. Estatística lembra que non todas as execucións de hipoteca terminan co lanzamento (desafiuzamento) dos seus propietarios.

No segundo trimestre iniciáronse 14.327 execucións hipotecarias, un 1% máis que no trimestre anterior e un 3,2% máis en taxa interanual. Delas, 13.700 afectaron a fincas urbanas (onde se inclúen as vivendas) e 627 a fincas rústicas.

As execucións hipotecarias sobre fincas urbanas aumentaron un 2% en relación ao trimestre anterior e repuntaron un 4,2% respecto ao segundo trimestre de 2017.

Dentro das fincas urbanas, 7.086 execucións corresponderon a vivendas, un 5,8% máis en taxa intertrimestral, pero un 2,9% menos en termos interanuais, e delas 2.489 eran execucións sobre vivendas de persoas físicas, un 5,6% menos que no trimestre anterior e cifra un 33% inferior á do segundo trimestre de 2017.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta