Axentes forestais e medioambientais, dez anos sen acordo laboral

Aínda que de momento o 2018 non está dando os mesmos problemas de incendios en intensidade como en 2017, os prognósticos incertos , fixeron que aXunta ampliase o período de alto risco en canto incendios incluindo o mes de outubro. Iso a pesar dunha folga de axentes medioambientais e forestais que nestes momentos cumpren uns servizos mínimos do 100%.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Plan de Incedios de Galicia, PLADIGA, marca como período de alto risco por incencio o que vai desde xullo a finais de setembro. O pasado 2017 as previsións non foron as esperadas e o no mes de outubro o lume apareceu fóra de tempada. “Neses lumes tivemos que ir moitos e moitas de nós de maneira voluntaria” di Carlos Sanmiguel de APRAFOGA  (Asociación profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia). Non obstante, tamén se volveran contratar os servizos de vixiantes contraincendios de maneira puntual.

Axentes forestais en folga, o pasado 25 de xullo. REMITIDA
Axentes forestais en folga, o pasado 25 de xullo. REMITIDA

Galicia e máis Asturias son as dúas únicas comunidades que teñen o servizo de axentes medioambientais dividido entre dous organismos, no noso caso a Consellería de Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente” di Sanmiguel. Por que esta división entre departamentos dun mesmo servizo? “Consideramos que é unha decisión arbitraria por parte do goberno da Xunta” di o voceiro de APRAFOGA. Non obstante, segundo fontes da Xunta de Galicia, a contraparte negociadora nesta folga do goberno galego viría desde Medio Rural.

PUNTOS REIVINDICADOS

Se facemos caso ao dito con anterioridade, teriamos un dos puntos clave para esta folga, a reunificación do servizo de Axentes Medioambientais e Forestais baixo un só órgano de coordinación. Doutra banda está a reivindicación dunha mellor equipación dos axentes, “temos vehículos con 300.000 quilómetros e vinte anos, aínda que é certo que mercaron novas unidades” di Carlos Sanmiguel.

Tamén se pide unha retribución axeitada cando “en Galicia hai salarios de 1.400 ou 1.500 euros, mesmo para persoal dirixente, noutras comunidades os salarios son de 2.000” di Zeltia Burgos da CIG. Desde a central nacionalista consideran que “non hai vontade de negociar por parte da Xunta”, isto cando desde o lado dos axentes piden que se paguen as horas de nocturnidade como tales e non como unha hora de xornada laboral normal. “Tamén pedimos que se retribúan puntos como a penosidade, os factores de risco como a inhalación de elementos tóxicos e a incorporación de novo material para traballar” di Burgos.

Impiden achegamento de axentes ambientais ao presidente da Xunta na Cidade da Cultura
Impiden achegamento de axentes ambientais ao presidente da Xunta na Cidade da Cultura | Fonte: Nós Tv

“Queremos unha remuneración xusta que estea equiparada, por exemplo, á dos gardacostas así como uns horarios que non nos leven ás 1.800 horas ao nao que facemos, cando un gardacostas ten 1.500 e un funcionario 1.600 horas” di Carlos San Miguel.

EQUIPOS E GRUPOS DE VIXILANCIA

“O ano pasado deuse o chamado apagón analóxico, co que se cambiaron as emisoras a outras novas dixitais, Medio Rural mercara as novas emisoras dixitais mentres que Medio Ambiente comprometérase a facelo” di Zeltia Burgos. “No caso das emisoras en Medio Ambiente tiveron que pedir os novos equipos, xa os teñen, a cousa é que non gardaron nas memorias dos aparatos os números de coodinación, polo que non están conectados”, insiste Sanmiguel.

Un exemplo foi o lume no Invernadoiro deste ano. Os axentes de Medio Ambiente non puideron avisar do lume en tempo e forma “así que tiveron que fiarse das cámaras de vixilancia colocadas nas cabanas, pero isto o que fixo foi guiar os equipos de extinción ao lugar que non era varios quilómetros lonxe”, sinala Burgos.

Outro punto a tratar, e con polémica, é a da seguridade dos axentes medioambientais. Mentres que a Garda Civil e outros corpos policíais levan as súas armas regulamentarias, no sector relacionado coa caza sobre todo, non lles cae ben que os axentes medioambientais leven unha arma para autoprotección. "Moitas veces só vai un axente, ou van dous e sen chaleque antibalas, co risco que iso é para a súa integridade" di Sanmiguel.

CONTINUACIÓN DA FOLGA

“A administración é quen decide  os prazos de negociación e agora mesmo as negociacións están paradas, pero o que queremos é levar aos traballadores e traballadoras a decisión de seguir ou non con esta folga” di Alejandro Rodríguez, de CC OO, sindicato que aínda que non está dentro da folga si segue o desenvolvemento da mesma. Non obstante, as reivindicacións son as mesmas, facendo un especial fincapé no “complemento de especificidade para remunerar a penosidade e os factores que podan influir de maneira negativa a traballadores e traballadoras” sinala Rodríguez.

Non obstante, a folga que seguen os axentes medioambientais e forestais, como todas, debera seguir uns servizos mínimos. Pero esta folga conta cuns servizos mínimos do 100%. “A ver, consideramos que é abusivo e ademais que conculca o dereito á folga, pero temos recorrida esta decisión e estamos esperando a resolución dos tribunais” sinala Carlos Sanmiguel.

O caso é que as forzas sindicais teñen como eixo común a negociación dun novo acordo laboral, pois o actual está caducado, foi asinado en 2004 e acabaou en 2007. “Ademais diso, é que estamos cobrando salarios do ano 1997 e por iso tamén pedimos o aumento salarial acorde co nivel laboral” di Rodríguez.  “Tamén pedimos que nos renoven os uniformes e resto de EPI (Equipo de Protección Individual) que moitos están con mendos, pois son os mesmos uniformes de hai dez anos” di Carlos Sanmiguel.

Por tanto, suba salarial equiparable a funcionarios do mesmo nivel pero dependentes doutros organismos, recoñecemento do complemento específico, renovación do acordo laboral logo de dez anos sen el, mellora e renovación dos equipos e fusión das dúas divisións de axentes nunha sóa baixo unha única consellería.

RESPOSTA MEDIO RURAL

Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural enviou a Galicia Confidencial o seguinte documento no que manifestan as posicións do departamento.

“Por parte da Xunta mantemos aberta de xeito permanente unha vía de diálogo e negociación cos representantes dos axentes, malia que os de UGT e a CIG se levantaron da mesa de conversas. Este proceso xa deu os seus froitos, cristalizando en diferentes avances, como os seguintes:

A  Formación: impulsamos un proceso específico de formación para que os axentes puideran acadar a titulación que lles permitiría acceder á nova escala de “axentes técnicos en xestión ambiental” do subgrupo B, categoría que se creou na Lei de Empregado Público de Galicia do ano 2015.

B Suba de categoría: Agora realizarase un segundo proceso formativo para conseguir que o 40% dos efectivos teñan as condicións académicas precisas e oportunas para a súa integración na nova escala. O que lles pode supoñer, para aqueles que se integren, algo máis de 1.600 euros/ano de incremento salarial.

C  Aumento nos salarios: estase a traballar da man de Dirección xeral de Función Pública nunha mellora dos salarios dos axentes, que implicaría, ademais, un incremento total anual de entre 3.300 e 4.200 euros por axente.

D  Mellora no material: Estase realizando un importante esforzo económico para mellorar e ampliar o parque móbil deste servizo (rotulado, tal e como reclamaban), así como incorporar as últimas tecnoloxías que permitan desenvolver un traballo máis eficaz: móbiles, tablets e cámaras.

E Melloras nas condicións de traballo: Para optimizar a súa conciliación coa vida familiar, trasladáronselles as seguintes melloras:

-Que as quendas nocturnas no período ordinario deixen de ser de presenza efectiva para pasar a ser de dispoñibilidade.

-Que sexan máis cortas as quendas nocturnas de dispoñibilidade.

-Que se garanta que a súa xornada anual sexa a dos funcionarios.

-Que polas quendas de traballo en día festivo e en fin de semana aumenten os días de libranzas.

-Que  o descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas se disfrute con garantía de conciliación.

E, como se fixo dende o principio, a administración segue a  manter a súa disposición para continuar negociando cun colectivo que presta un servizo esencial á poboación en época de alto risco de incendios forestais.

Cómpre lembrar, en todo caso, que os servizos mínimos establecidos consonte á lei son do 100% para os axentes forestais da Consellería do Medio Rural, tendo en conta que se trata dun servizo de emerxencia e protección civil e que estamos en época de alto risco de incendios. Esta decisión foi ratificada, ademais, pola Xustiza.

Ao que cabe engadir que, ao estar desconvocada a folga polos axentes que prestan servizos en medio ambiente, a ningún axente forestal ou medioambiental que estea a secundar a folga se lle están descontando os seus salarios.”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta