Feijoo anuncia a incorporación duns 30.000 portátiles novos en dous anos nos centros de ensino

Feijóo avanza a posta en marcha do programa 'Talento Sénior', que impulsará o retorno de 15 profesionais e investigadores de I+D+i

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2018 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

A educación pública galega incorporará 30.000 novos portátiles ao longo dos dous próximos anos, a través dun acordo marco cuxo obxectivo é convertela en "100% dixital", tal e como anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello deste xoves. A iniciativa conta cun orzamento de 14,8 millóns de euros. En concreto, segundo indicou Feijóo, "poderán acceder a estes equipos os novos centros do Proxecto Abalar que se incorporen ao uso do libro dixital". Deste xeito, destacou que o acordo permitirá "comprar os equipos que se necesiten, en función das necesidades e da evolución da iniciativa".

Alberto Núñez Feijóo RICARDO RUBIO
Alberto Núñez Feijóo RICARDO RUBIO | Fonte: EUROPA PRESS

O mandatario autonómico explicou que, neste curso 2018-2019, un total de 267 centros e 18.000 alumnos, "un 70% e máis dun 50% máis que o curso pasado, respectivamente", "empregarán o libro dixital e beneficiaranse do paquete de melloras que se empezou a implantar de maneira progresiva o pasado curso" e "que se completará neste". Entre elas, sinalou a incorporación dun novo provedor de contidos, a Editorial Planeta, que se suma ás 750 unidades didácticas dos provedores Netex Learning e Edebé e á contratación dun cuarto provedor de contidos para a materia de inglés. Así mesmo, ás anteriores medidas súmase a posta en marcha do servizo para que sexan os propios profesores os creadores de contidos educativos dixitais, que se chamará 'Dixit', así como a entrada en funcionamento dun servizo de soporte 'premium' para os alumnos, familias e profesores.

TODOS OS COLEXIOS TERÁN INTERNET

En concreto, este servizo, segundo indicou Feijóo, prestará "atención remota as 24 horas e os sete días da semana" e "atención presencial en 64 puntos repartidos por toda a xeografía galega, grazas á colaboración con pemes do sector TIC". Finalmente, o presidente da Xunta lembrou que, grazas á iniciativa 'Escolas conectadas', na que Xunta e Goberno central invisten máis de 17 millóns de euros, "o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria contarán neste novo curso, o primeiro da historia da Comunidade, con acceso a Internet cun mínimo de 100 megas".

NOVOS CONTIDOS DIXITAIS

Deste xeito, a Xunta explicou que, tras a incorporación o curso pasado dos contidos de Aula Planeta, este ano a plataforma E-Dixgal conta cun cuarto provedor de contidos de inglés, Pearson. Ademais, o provedor Netex reforzará a súa oferta coa incorporación de contidos Smart --colaborativos-- en varias materias, que, segundo asegurou o Goberno galego, permitirán "desenvolver solucións orientadas á aula" para "potenciar e reforzar as capacidades de docentes e alumnado".

Así mesmo, destacou que o profesorado "terá información do que ocorre na aula en tempo real" e "novas ferramentas para marcar o ritmo da clase" e "controlar, en todo momento, o que ven nas súas pantallas". Tamén poderán "levar ao alumnado a unha páxina específica para poder seguir as explicacións ou bloquear a navegación polas unidades". En total, estes contidos complementan as 750 unidades didácticas de 45 materias dos provedores Netex Learning e Edebé, que a día de hoxe teñen integradas a plataforma do libro dixital, á que se suman as unidades, recursos complementarios e acceso a banco de contidos da Editorial Planeta, xunto cos máis de 3.200 contidos dixitais creados polos propios docentes galegos. 

PROGRAMA 'TALENTO SÉNIOR'

Por outra banda, o Consello da Xunta tamén aprobou a posta en marcha do programa 'Talento Sénior', para "impulsar o retorno de investigadores doutores e profesionais de alta cualificación con traxectorias consolidadas na área de I+D+i", segundo sinalou Feijóo. Así, "desenvolveranse proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en empresas, organismos de investigación non universitaria e centros tecnolóxicos", tal e como indicou, que posibilitarán a contratación de 15 persoas. A iniciativa conta cun orzamento inicial de case un millón de euros, ampliable.

Deste xeito, o mandatario autonómico explicou que as entidades interesadas contarán cun incentivo de 64.000 euros por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a tres anos. Deberán achegar ao profesional que se incorpore ao organismo un salario de, polo menos, 40.000 euros brutos por anualidade. Así mesmo, a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, segundo apuntou, "esixe a excelencia das propostas" e "só se terán en conta aquelas que acaden unha puntuación mínima do 60% do total dos puntos establecidos no baremo".

CRITERIOS DE VALORACIÓN

Respecto diso, pormenorizadamente, o presidente da Xunta subliñou que, entre outros criterios, valorarase "o perfil da persona a contratar, a súa experiencia e traxectoria internacional, a presentación dun plan de igualdade de xénero no equipo do proxecto e que a persona contratada sexa muller e as contratacións indefinidas". Así, co obxectivo de "estimular a demanda de profesionais de alta cualificación tanto no sector público como no privado", Feijóo aseverou que dos 15 contratos previstos para este ano, "nove están reservados a empresas e seis a organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos".

O programa terá carácter retroactivo, de maneira que poderá optar o persoal que se incorpore á entidade beneficiaria da axuda desde o pasado 1 de xaneiro. A iniciativa, ademais, está incluída no 'Plan Galicia Innova' e compleméntase con outros como o 'Oportunius' ou o programa 'Principia', que permitiu dende a súa posta en marcha a incorporación de 372 profesionais menores de 35 anos en 158 entidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta