A obesidade infantil avanza en Galicia

Un novo estudo da Universidade de Santiago alerta sobre os hábitos de vida dos menores galegos. O 6,18 por cento dos cativos entre 9 e 12 anos son obesos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os galegos somos, canda os asturianos, os máis obesos no Estado español. Este problema de saúde, considerado xa unha epidemia en Occidente, non só afecta aos adultos; os máis cativos tamén están en serio risco polo estilo de vida que se lles impón: mala alimentación e sendentarismo contribúen a que o 6,18 por cento dos menores de idade en Galicia sexan obesos. Agora, un novo estudo alerta precisamente sobre os hábitos de vida desta poboación.

Cativos ven na televisión un anuncio de hamburguesas.
Cativos ven na televisión un anuncio de hamburguesas.

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela veñen de presentar os resultados dun estudo no que alertan de que os cativos galegos entre 9 e 12 anos mostran tendencia a consumir alimentos hipercalóricos no recreo nas escolas, unha escasa práctica de actividade física semanal e o uso intensivo das novas tecnoloxías, tendendo desta forma ao sedentarismo e, consecuentemente, ao aumento da obesidade infantil. 

O obxectivo do estudo foi analizar os estilos de vida dos escolares nas variables de exercicio físico e alimentación saudable, realizando propostas para combater un dos grandes problemas da poboación infantil do século XXI: a obesidade.

No estudo participaron un total de 310 alumnos (174 nenos e 136 nenas), con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos de seus centros de educación infantil e primaria da cidade de Santiago de Compostela.

En xeral, os investigadores atoparon que "os hábitos alimentarios dos estudantes participantes no estudo se axustan a un patrón saudable, destacando un consumo variado de alimentos", aínda que, matizan, "sería conveniente diminuír na medida do posible os alimentos  hipercalóricos que se consomen entre as comidas principais, na súa maior parte doces azucrados, bebidas carbonatadas e azucradas e alimentos ricos en graxas trans, substituíndoas por un maior consumo de froita ou, simplemente, non consumíndoos".

Tamén aconsellan "revisar os hábitos alimentarios dos máis novos en idade escolar, axustándoa aos novos patróns de alimentación saudable, que reducen excesivamente o consumo de lácteos e  farináceos".

ACTIVIDADE FÍSICA

En canto á actividade física e deportiva, comprobaron que os mozos participantes no estudo realizan na súa maioría os 60 minutos de actividade física diaria recomendada, pero "se isto se relaciona cos comportamentos saudables que drasticamente se reduciron nas últimas décadas (uso de transporte activo para ir ao colexio, maior realización de actividades manuais, maior tempo dedicado ao xogo libre e en contacto coa natureza…), este tempo de práctica físico-deportiva móstrase insuficiente para levar un estilo de vida saudable"; índice que "baixaría aínda máis" se se compara cunha "peor dieta e unha peor condición dos alimentos consumidos actualmente".

Por todo isto, consideran "necesarias propostas que incrementen notablemente a práctica de actividade física e deportiva entre os máis novos, no colexio", isto é, "necesidade de máis horas para a materia de educación física, por exemplo", pero tamén fóra do ámbito escolar.

Así, sinalan que a práctica deportiva en familia é "fundamental para que os nenos e nenas adquiran patróns e hábitos saudables que cheguen a consolidarse na idade adulta, outorgando á actividade física e o deporte a importancia que realmente ten na adquisición e consolidación de hábitos de vida saudables nos mozos".

Neste sentido, apuntan ao "uso controlado das ferramentas de lecer pasivo" como "unha prioridade no control dos pais sobre as actividades dos seus fillos, axudando a reducir os altos índices de uso diario de elementos que fomentan o sedentarismo: televisión, videoconsolas, teléfono móbil, etc".

Os investigadores apuntan que "o fomento e adquisición de hábitos de vida saudables debe constituír unha prioridade das administracións públicas, das familias e dos propios docentes, facendo unha fronte común para frear os altos índices de obesidade infantil e investir esta tendencia".

O estudo, titulado 'Análisis de los hábitos alimentarios y de actividad física en estudiantes gallegos de Educación Primaria', está asinado por investigadores da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e vén de ser publicado en Sportis. Scientific Journal of School Sport, Physical Education and Psychomotricity, revista científica editada pola Universidade da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta