O BNG pídelle a Feijóo eleccións anticipadas e que non se presente

Avisa que a cidade "máis paralizada" de Galicia é Ourense.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/09/2018 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu este luns de que "a cidade máis paralizada, que leva todo o mandato sen aprobar orzamentos" é a de Ourense, onde goberna un exconselleiro de Alberto Núñez Feijóo, e considerou que a "parálise" de Galicia só se liquidaría se o presidente da Xunta convoca "eleccións" e dá "un paso atrás", xa que non basta --di-- cunha "remodelación".

Así o reflexionou Pontón despois de que o mandatario autonómico abordase, nunha entrevista na Ser, a remodelación do seu goberno ante as eleccións municipais do próximo ano e para as que este mesmo fin de semana o titular de Política Social, José Manuel Rei Varela, anunciou a súa candidatura en Ferrol, onde xa foi alcalde.

"Temos un Feijóo esgotado, sen ideas. Non se soluciona o problema cunha remodelación, senón cunhas eleccións, dando un paso atrás", respondeu a líder nacionalista a preguntas dos xornalistas, tras cuestionar que "revalide" ao candidato en Ourense, Jesús Vázquez, que "xa foi conselleiro".

Pontón xulgou que Feijóo "non ten nada que ofrecer aos galegos" e só lle preocupa "como lle vai electoralmente" para o que, agregou, "non lle importa sequera que o Consello da Xunta" o use como "unha prolongación" da súa dirección política e como "incubadora de candidatos".

Ana Pontón
Ana Pontón

FEIJÓO "INCUMPRE A SÚA PLABRA"

Mentres, subliñou, os problemas dos galegos "seguen esperando". "Non se decata de nada: Non sabe o que pasa nos medios públicos, non sabía quen era Marcial Dorado, o prezo da luz, as peaxes... É un presidente que non se decata de nada e iso é unha moi mala noticia para Galicia", sentenciou.

Así as cousas, e tras aclarar que non ten "ningunha bóla de cristal" e por iso non pode augurar se Feijóo volverá presentarse ou non ás eleccións, Pontón concluíu que o mandatario autonómico "caracterízase por incumprir a súa palabra" e, por tanto, non lle sorprendería neste caso" que volvese suceder. "A súa palabra non vale absolutamente nada", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta