A Xunta ten intención de que Seaga non traballe na extinción desde 2019

O goberno galego convocaría 500 prazas para SPDCIF. Traballadores da empresa pública desconvocan a protesta deste martes para favorecer a negociación, pero manteñen a folga.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2018 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

A Xunta trasladou este luns a traballadores de Seaga a intención de que esta empresa pública non se dedique a partir de 2019 a tarefas de extinción, así como de convocar 500 prazas de cinco meses de duración para ese ano para o servizo público de loita contra o lume (Spdcif).

Protesta de brigadistas. EUROPA PRESS - Archivo
Protesta de brigadistas. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Diso informou  o presidente do comité de empresa en Pontevedra de Seaga, Josafat Ponte, após a reunión celebrada este luns en Santiago entre representantes dos traballadores, membros de Función Pública, Consellería de Medio Rural e desta empresa pública. Así, os traballadores de Seaga decidiron desconvocar a protesta prevista ante a Xunta para este martes, aínda que manteñen polo momento a convocatoria de folga a partir do día 16.

Os traballadores de Seaga reclaman que se puntúe a súa experiencia en extinción de incendios de cara ao proceso de remodelación do servizo público de loita contra o lume que a Xunta prevé levar a cabo. Despois  da reunión, os traballadores manteñen a folga, dado que "non hai nada pechado enriba da mesa" e piden "feitos", pero non se concentrarán en San Caetano para favorecer a negociación en próximos días.

Segundo explicou Josafat Ponte, a Xunta trasladoulles a súa intención de que este sexa o último ano que Seaga se dedique á extinción, de forma que a partir de 2019 encargarase de encomendas como tarefas de prevención contra o lume e non de extinción, logo do convenio asinado recentemente entre Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a limpeza de franxas de seguridade--, aínda que sen precisar o persoal destinado para iso.

Ademais, a intención é sacar a concurso 500 prazas en 2019 para o servizo público de extinción da Xunta (Spdcif) para un período de cinco meses, que será de seis meses en 2020. Aquí, os empregados de Seaga demandan que se teña en conta a súa experiencia en apagar lumes de todos estes anos e non saian prexudicados fronte aos traballadores de concellos.

"Gústanos a actitude negociadora, pero queremos feitos, de boas palabras levamos 12 anos e seguimos sen convenio, polo que a folga non se vai a desconvocar mentres non haxa nada firme", explicou o presidente do comité de Pontevedra. Pola súa banda, fontes da Consellería de Medio Rural consultadas por Europa Press limitáronse a sinalar que as negociacións "están comezando" polo que non as entran a valorar e prevén que continúen en próximos días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta