Pídenlle a PSdeG e BNG que a Deputación da Coruña non financie actividades que supoñan maltrato animal

Marea Atlántica anuncia que pedirá explicacións polo financiamento do Campionato de España de Caza, rachando un acordo plenario de 2016.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 11/09/2018 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O voceiro da Marea Atlántica na Deputación, Daniel Díaz Grandío, co apoio de Compostela Aberta, preguntaralle ao goberno provincial por que está a incumprir o compromiso plenario de non financiar actividades que fomenten o maltrato animal. Será no vindeiro pleno, este venres 14 de setembro, cando realizará unha pregunta oral para esixir explicacións polo apoio ao Campionato de España de Caza San Huberto, previsto para o 15 e 16 de setembro no concello das Pontes. 

Caza. APAM - Archivo
Caza. APAM - Archivo

Nun comunicado, Grandío lembra que a asociación animalista Libera ten denunciado as “prácticas brutais” deste evento, como a de soltar perdices de granxa para servir de branco ás escopetas. Así, destaca que o 26 de decembro de 2016, o Pleno da Deputación aprobou por unanimidade unha proposta da Marea Atlántica —que se converteu en declaración institucional— para non participar de xeito activo nin con recursos nin con presenza institucional en concursos de tiro ao pombiño. 

“Porén, agora apoiase este campionato de caza, completamente análogo nas súas prácticas, e mesmo o presidente provincial, Valentín González Formoso, figura no Comité de Honra. Por iso, esiximos explicacións dos motivos polos que o goberno provincial rompeu os compromisos de participar en eventos que supoñen sufrimento animal”, aclara.

Este Campionato de Caza conta tamén co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. De feito, a xefa territorial na Coruña, Cristina Carrión, sinala nunha publicación promocional do evento que “Galicia acolle cos brazos abertos” este tipo de eventos, “dando mostras do seu nulo compromiso co benestar animal”, apunta Grandío.

A Asociación Animalista Libera reuniu máis de 30.000 sinaturas en apoio a esta solicitude que insta á Xunta de Galicia á retirada do apoio aos campionatos de tiro ao pombiño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta