A oposición culpa a Xunta da morte dun paciente na Estrada e o PP reproba a súa "utilización política"

En Marea, PSdeG e BNG lembran as advertencias do persoal e os 'populares' aluden a un "déficit" de traballadores sanitarios en España.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/09/2018 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición do Parlamento de Galicia —En Marea, PSdeG e BNG— culparon a Xunta de facer "oídos xordos" ante as reivindicacións do persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde (Sergas), o que cren que tivo como "consecuencia" o falecemento dun home no Punto de Atención Continuada da Estrada (Pontevedra) o pasado sábado 4 de agosto, mentres o médico responsable se atopaba fóra do centro.

Votación proposición no de ley sobre el PAC de A Estrada
Votación proposición no de ley sobre el PAC de A Estrada | Fonte: Europa Press

Ante iso, o deputado do PP Aurelio Núñez Centeno acusounos de "utilizar a morte dun paciente" para facer política, á vez que se referiu ao xa manifestado polo presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención este mércores na Cámara autonómica, na que se comprometeu a que haberá unha investigación "rigorosa" por parte de Inspección Sanitaria.

Durante o pleno parlamentario, a deputada do BNG Montse Prado defendeu unha proposición non de lei —rexeitada cos votos en contra do PP— que, por mor do sucedido na Estrada, pedía que os máximos responsables da Consellería de Sanidade e do Sergas dean "explicacións urxentes" no Lexislativo autonómico.

Ademais, o Bloque demandou atender "sen máis dilacións" as demandas dos profesionais sanitarios do PAC, un servizo "que segue cos mesmos recursos materiais e humanos desde fai dez anos". E é que, segundo afirmou Prado, "non se substitúen ausencias" nin hai "reforzos" durante as fins de semana, no que ve uns "malos tratos ao persoal" por parte do Sergas.

"A realidade é que os profesionais, ao límite, poñen a súa vida ao servizo (da sanidade pública)", segundo apuntou a nacionalista en referencia a unha carta do persoal sanitario da atención continuada na que, o pasado 15 de xullo, advertía de "algo grave que ía suceder".

"Se ante iso non considera que ningún representante político ten que dar explicacións (...) faltan solucións e sóbralles prepotencia", esgrimiu a parlamentaria.

O GOBERNO GALEGO NON FIXO "NADA"

Pola súa banda, o deputado socialista Julio Torrado engadiu que, ante o sucedido na Estrada, o "debate" interno da Xunta "non era resolver" esta cuestión, senón que "non lles manchen" os problemas: "Que fixo o Goberno galego para resolvelo? Nada", suxeriu o parlamentario.

Así mesmo, Torrado lamentou que "o dramático" é que o falecemento do paciente "pode volver ocorrer", xa que, tal e como lembrou, o PP "votou en contra" de diversas propostas de aumentar o persoal do PAC.

Neste sentido, a deputada de En Marea Eva Solla engadiu que esta medida se rexeitou "todas as veces" que se levou ao Parlamento, así como diversas iniciativas para dotar de "máis ambulancias" e "mellorar o traballo" no PAC. "As demandas dos profesionais seguen sen atenderse", asegura.

Non en balde, Solla criticou que a atención primaria representa, segundo os seus números, "tan só" o 15 por cento do orzamento sanitario, unha "insuficiencia" que supón "ter un só equipo" traballando no PAC.

"UTILIZACIÓN POLÍTICA"

Ante todo iso, o deputado popular Núñez Centeno defendeu que o equipo asistencial do centro da Estrada tivo que saír "de urxencia" cara a un domicilio, mentres o paciente en cuestión foi "reanimado, sen éxito, durante 30 minutos" polo persoal que se atopaba no PAC. Así, o PP denuncia o "intento de utilización política do sucedido" cando a resolución de problemas da atención continuada é "do 91 por cento".

En canto ás acusacións de "recortes" por parte da oposición, Núñez Centeno escusouse no "déficit" de persoal en Galicia "e no conxunto de España", mentres que preguntou ao resto de grupos se "pensan, de verdade, se sería sustentable duplicar o persoal do PAC".

"En ocasións teñen que saír os dous equipos, ou pensan facer vostedes que un dos dous quede obrigatoriamente no centro?", cuestionou.

HOSPITAL DE CONXO

Noutra orde de cousas, tamén foi rexeitada, cos votos en contra do PP, unha proposta dos socialistas para que a Xunta tivese en conta un informe do Defensor do Pobo que apunta á "falta" de seguimento dos pacientes do Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago, cunhas instalacións "obsoletas".

Neste sentido, o deputado do PSdeG Julio Torrado asegurou que o documento informa de que "non existe" un seguimento que decida se as persoas deben manterse ingresadas ou non: "Non hai informes suficientes que permitan acreditar que algúns pacientes deben seguir internos" despois de "máis de 30 anos, e algunhas mesmo 50".

Seguidamente, Montse Prado lamentou que esta situación "non é a primeira vez" que leva ao Parlamento, ao que o Goberno galego, incide, "fixo caso omiso".

En referencia a un informe do Movemento Galego de Saúde Mental, Prado considera de "extrema gravidade" que o hospital psiquiátrico ten unha "carencia" de persoal, á vez que apuntou a "situacións de tortura" que, afirma, se dan nas súas instalacións.

Así, a parlamentaria de En Marea Eva Solla remontouse aos episodios de "suicidio e violacións" no centro de Conxo que levaron á Cámara "hai ano e medio", sen que a Consellería de Sanidade tome "medida algunha".

Neste contexto, a deputada do grupo 'popular' Encarnación Amigo Díaz sostivo que "todas as áreas de saúde mental teñen as instalacións adecuadas", á vez que sinalou que as medidas de seguridade adoptadas axústanse a un "protocolo de inmobilización" que "garante a saúde e a integridade dos pacientes".

Ademais, a parlamentaria dixo "botar de menos" unha parte do documento que recolle, segundo as súas palabras, que o persoal "trata aos enfermos con agarimo e proximidade". Así todo, Amigo Díaz asegurou que a Xunta "terá en consideración" os informes "para acometer medidas de mellora necesarias".

RESIDENCIAS DE MAIORES

Noutra orde de cousas, a deputada do PSdeG Noela Blanco presentou unha proposición non de lei, tamén rexeitada cos votos en contra do PP, para "aumentar as prazas" públicas das residencias de maiores en Galicia, actualmente "insuficientes", posto que, tal e como engadiu, desde que Feijóo é presidente, a oferta privada "aumentou un 110 por cento".

Pola súa banda, a parlamentaria de En Marea Paula Vázquez Verao animou a aprobar esta proposta ante o "reto" en materia de envellecemento de Galicia, pois actualmente "as persoas maiores de 65 anos representan xa máis do 25 por cento" da poboación galega. "Esta estrutura leva a maiores taxas de dependencia", asegurou.

Así, Montse Prado censurou que a Xunta "persiste en lanzar unha mensaxe de ser os campións que máis invisten" nesta materia, cando a "realidade esconde que cada vez se atende con recursos de menor custo": "Aumentan o número de persoas atendidas, mentres o orzamento non vai en aumento".

Neste contexto, a deputada do PP Raquel Rodríguez Arias respondeu que o presidente da Xunta anunciou que, antes de acabar 2018, 60.000 persoas dependentes serán atendidas.

E é que, segundo os seus números, máis de 7.000 prazas de residencias galegas son públicas ou se sosteñen con fondos públicos, unha cifra que é "un 40 por cento" superior que en 2009, aínda que, lembrou, tamén hai residencias municipais e pertencentes a organizacións sen ánimo de lucro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta