Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2018 | Actualizada ás 16:17
A actuación da valedora do pobo iniciada de oficio, fíxose ante o caso dunha familia que perdera a renda de integración social (Risga), debido a que algún dos seus membros atopara un traballo por horas pouco remunerado. Segundo a oficina do Valedor do Pobo “isto permitirá cambiar a realidade das familias en risco de exclusión social”. Así, a Consellería de Política Social vén de aceptar as recomendacións da valedoría e garantirá por lei, o cobro inicial e o mantemento da renda cando os ingresos da unidade familiar sexan menores que a contía que lles corresponda na prestación.
A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, xa alertou no seu informe ao Parlamento de Galicia correspondente ao ano 2017 do problema da denegación da renda de inclusión social cando o solicitante conseguía un traballo parcial pouco remunerado, que non o sacaba da súa situación de vulnerabilidade. A administración autonómica “recoñecía nestes casos que a Risga era compatible co traballo con ingresos inferiores á mesma, que eran descontados”. O mesmo criterio non se viña aplicando nos casos de primeiro acceso á Risga debido á regulación existente.
As propostas da valedora do pobo foron atendidas con carácter xeral. A consellería de Política Social xa incluíu no borrador do decreto de desenvolvemento da Lei 10/2013 de inclusión social, a posibilidade de percibir a Risga a persoas que obteñan ingresos derivados da súa actividade laboral inferiores ao importe da renda. A consellería anunciou ademais á oficina da valedora que vai tramitar esa disposición como unha modificación legal, o que permitirá acceder á prestación a persoas con empregos precarios ou a tempo parcial con ingresos tamén inferiores.
Sobre o caso concreto da familia afectada, a institución do Valedor do Pobo instou á consellería competente a evitar a retirada íntegra da Risga e a desistir do reintegro de todos os “ingresos indebidos” a esta unidade familiar. Estes aspectos aínda están pendentes de aclarar no marco da investigación, que permanece aberta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.