Xiao Varela descarta dimitir tras anular o Consultivo a compra de dous pisos sociais na Coruña

PP e PSOE volven solicitar a dimisión, xunto á do edil de Contratación, e o BNG pide á Marea Atlántica que estea "á altura do seu discurso".

Por E.P. | A CORUÑA | 14/09/2018 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

O concelleiro de Rexeneración Urbana no Concello da Coruña, Xiao Varela, manifestou, ante as peticións para que dimita feitas desde o PP e o PSOE despois de que o Consello Consultivo considerase nula a compra de dous pisos para aluguer social, que o seu está cargo "a disposición" do alcalde. "O alcalde sábeo, ten o meu cargo a disposición constantemente", contestou a preguntas dos xornalistas despois celebrarse a comisión de Rexeneración Urbana na que o edil informou das actuacións que levará a cabo o goberno local após a decisión do Consultivo.

O concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela
O concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela

Como xa avanzou este mércores, declararán a nulidade dun do seis pisos adquiridos --só nun non existen dúbidas sobre o cumprimento das bases na súa compra-- e elevarán para nulidade ou posible nulidade outro catro. En concreto, no da rúa Joaquín Martín Martínez, o goberno local coincidía, após as denuncias feitas desde a oposición, en que había causas para a nulidade. Non así no caso do piso da rúa Santander, no que o Consello Consultivo, cuxo ditame é vinculante, alega tamén causas de nulidade. O edil explicou, que seguindo "a doutrina que marca" o Consultivo, elevarán a este organismo o expediente doutro tres pisos para que determine se debe declararse a nulidade despois de que este organismo entenda que se vulnerou o criterio de "libre concorrencia" e non se cumpriron as bases do concurso.

"ERROS TÉCNICOS"

En declaracións aos xornalistas, o concelleiro vinculou con "erros técnicos" o sucedido. "A pesar de que cometesen un erro, confío na súa solvencia", dixo explicando que trasladou aos funcionarios do Servizo de Rehabilitación e Vivenda o seu "apoio". Preguntado se pensa dimitir, ante as peticións da oposición para que se asuman responsabilidades, Xiao Varela manifestou que a súa intención non é "apoltronarse na cadeira de brazos". No entanto, considerou que a súa "responsabilidade" agora é "seguir traballando para que este concurso teña plena seguridade xurídica".

"Para min o máis importante é ter a confianza do alcalde", recalcou o edil, para quen a oposición "en cuestións de honestidade ten moi pouco crédito". Así, ha reprochando ao PSOE regalar " edificabilidade a unha empresa" no antigo edificio conde de Fenosa. "Cales son as políticas de vivenda do PP, a venda de vivendas a fondos voitre", preguntouse tamén.

REACCIÓN DA OPOSICIÓN

Desde a oposición, todos os grupos volveron a pedir que se asuman responsabilidades. Do concurso que motivou o ditame do Consultivo, a portavoz municipal do PP, Rosa Gallego, dixo que "intencionadamente" o goberno local "non quixo anular" a compra dos pisos a pesar das denuncias da oposicion. Tamén insistiu en que o alcalde herculino, Xulio Ferreiro, era "coñecedor" desta situación. Preguntada se cre que tamén o rexedor debería dimitir --despois de que este xoves esixise a dimisión de Xiao Varela e do edil responsable de Contratación, Alberto Lema-- manifestou que esperarán "ao que pase" no pleno extraordinario que solicitaron.

Pola súa banda, o concelleiro socialista José Manuel Dapena volveu a pedir a dimisión de ambos os edís e criticou que na comisión non se lles achegaron datos sobre os gastos de notario ou rexistro pola compra destes pisos ou para o acondicionamento das vivendas. Mentres, a edil do BNG Avia Veira non pediu explicitamente a dimisión dos dous concelleiros, pero instou á Marea Atlántica a estar "á altura do seu discurso político". "De asunción de responsabilidades, de ética, de acción de contas e agora é cando hai que demostrar a coherencia no discurso", sinalou cualificando de novo de "inxusto" que a dimisión se limite á xefa do Servizo de Rehabilitación e Vivenda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta