Pais de Brión non enviarán aos seus fillos a clase "se non hai o profesorado" para unha educación "de calidade

O conselleiro de Educación asegura que o número de docentes do IES é suficiente "se os inspectores así o aseguran".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2018 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

A directiva da asociación de nais e pais (ANPA) do IES de Brión (A Coruña) decidiu este venres, nunha asemblea, que o luns "non enviarán" aos seus fillos a clase "se non hai o profesorado necesario para garantir unha educación de calidade".

Reunión da ANPA do IES de Brión (A Coruña). ANPA
Reunión da ANPA do IES de Brión (A Coruña). ANPA | Fonte: Europa Press

Nun comunicado, esta organización proclama que "non haberá normalidade no arranque de curso" no centro: "Non imos participar nunha presentación de grupos que non atenden ás necesidades do alumnado".

E é que, tal e como informa a ANPA, na mañá do mesmo venres, unha inspectora da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitou o centro e asegurou que, a pesar do "aumento do alumnado", podería funcionar perfectamente coa mesma cifra de docentes pero "optimizando" os recursos. "A súa receita é recortar", censuran as familias.

Segundo os pais, o director do IES díxolles que "ven obrigados a configurar horarios nos que non haberá espazo para a atención á diversidade nin para materias optativas" de "gran éxito" como robótica "sen o tres profesores" que se solicitan. No entanto, o director "garantiu que se manterían, en todo caso, as optativas que puntúan nas probas de acceso á universidade".

De igual modo, a ANPA advirte de que, coa "masificación" dos grupos de 4º de ESO, hai un "risco" de "aumentar a conflitividade". En relación con este asunto, a inspectora trasladoulles, tal e como afirman, que "non lle constan incidentes" no centro.

CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reivindicou este sábado, en declaracións aos medios, que "en toda Galicia se aplican uns criterios técnicos" para asignar profesores "sen ningún tipo de decisión arbitraria".

"Entendo as reivindicacións das familias, que sempre queren o mellor para os seus fillos, pero insisto en que non é unha decisión arbitraria", subliñou. Neste sentido, Rodríguez ve "claro" que o profesorado do IES de Brión é suficiente "se os inspectores así o aseguran".

En todo caso, o conselleiro valorou que "a inmensa maioría" de centros educativos galegos "van comezar as clases sen ningún tipo de problema", polo que reduciu o de Brión a un caso "concreto" no que hai "diverxencias" entre pais e inspección.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta