Problemas por falta de docentes en colexios de Brión, Santiso, Ordes e Santa Comba

Cuarto día consecutivo de peche no IES de Brión, mentres tamén falta persoal no CEIP de Arcediago en Santiso, no CEIP Castelao de Ordes e no CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/09/2018 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A política de recortes de persoal educativo iniciada polo goberno Feijóo no ano 2010 está detrás da situación que se vive en varios colexios da área de Santiago, que padece falta de docentes. Iso, cando menos, é o que opina a CIG.

Reunión da ANPA do IES de Brión (A Coruña). ANPA
Reunión da ANPA do IES de Brión (A Coruña). ANPA

E o certo é que o IES de Brión segue sen ver atendidas as súas demandas de persoal por parte da administración. Malia presentar a súa dimisión a dirección do centro e comezar un grupo de pais, nais e alumnado un peche o xoves pasado, a inspección educativa mantén a súa decisión de non conceder máis persoal interino. 

Desde o instituto solicitan tres vacantes para poder cubrir a matrícula das materias optativas que o alumnado elixiu en primeira opción e que se viñan impartindo nos últimos anos con gran éxito. Ademais, este profesorado tamén permitiría ofertar un PMAR (Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento) en 3º da ESO para dar resposta así ao estudantado que necesita reforzo educativo.

SANTA COMBA, SANTISO E ORDES

Pero o de Brión non é o único con problemas. Tamén nalgúns centros de Primaria está habendo problemas pola falla de persoal que impide atender con normalidade as necesidades educativas do seu alumnado. Así, no CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba a ANPA cominou as familias a non levar a rapazada ao colexio en protesta polo recorte dun docente de Primaria para poder ter tres grupos de 5º curso. “De non ampliárselles o cadro de persoal terán que agrupar todo o alumnado en só dous grupos”, denuncia a CIG nun comunicado.

Igual decisión tomou a comunidade educativa do CEIP Arcediago no Concello de Santiso que este luns, por cuarto día consecutivo, tampouco enviará o alumnado ás clases. Neste caso manteñen a súa solicitude dun docente máis para Primaria para non ter que agrupar varios cursos deste nivel. 

Por último, tamén no colexio Castelao de Ordes hai problemas de masificación nas aulas con 26 nenos e nenas en unha das dúas existentes en 1º e en 3º de Infantil, mentres que en 2º de Infantil puideron crear tres grupos pero un deles, malia contar só con 13 alumnos e alumnas, está nunha aula na que non hai espazo para máis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta