Canto recicla Galicia de aparellos eléctricos usados?

A Xunta lanza unha campaña de concienciación dirixida aos nenos sobre a importancia deste tipo de reciclaxe, que aumentou un 50% desde 2009.

Por E.P. | A CORUÑA | 18/09/2018 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

Galicia superou o ano pasado as 12.000 toneladas de aparellos eléctricos e electrónicos recicladas, o que supón un incremento do 50% desde o ano 2009, cando deu inicio o programa de xestión deste tipo de residuos.

Lixo electrónico
Lixo electrónico | Fonte: ecoportal

Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que este martes presentou unha campaña de concienciación dirixida ao público infantil sobre a recollida de residuos eléctricos e electrónicos.

En total, no ano 2017 Galicia alcanzou un total de 12.294 toneladas de residuos electrónicos recollidos, comentou a conselleira, que subliña a importancia de concienciar aos máis pequenos sobre este tipo de reciclaxe.

Para iso, a Xunta lanza un proxecto educativo, divulgativo e formativo que percorrerá 350 centros de ensino infantil e primario de Galicia. Estes colexios recibirán, entre os meses de novembro e marzo, a visita da caravana dos Bolechas, que serán os que guíen a actividade, que consistirá na emisión dun capítulo dos Bolechas sobre a temática a tratar.

PLATAFORMA VIRTUAL

Ademais, o proxecto dispón tamén dunha plataforma virtual, aberta a toda a comunidade escolar, no que todo aquel interesado pode participar mediante o envío de diverso material informativo e formativo.

Tamén, a través desta mesma plataforma, incentivarase a todos os escolares a participar nun concurso de debuxo que, ademais de fomentar a creatividade, serve de reflexión sobre a correcta xestión dos residuos eléctricos.

"É un proxecto participativo no que os escolares son os protagonistas", dixo Mato en relación a esta nova campaña cuxo obxectivo é "contribuír a reciclar" aparellos eléctricos concienciando á comunidade infantil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta