Enerxía nuclear, a favor ou en contra?

As Regueifas da Ciencia chega ao seu terceiro ano cun debate o vindeiro 27 de setembro sobre a validez e seguridade da enerxía nulcear.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/09/2018 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

As vantaxes e desvantaxes da enerxía nuclear. Ese é o tema que centrará o terceiro ciclo das Regueifas de Ciencia, a serie de debates en formato Oxford que terá lugar o vindeiro día 27, ás 20.00 horas, no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.

Nuclear de Cofrentes, Valencia
Nuclear de Cofrentes, Valencia | Fonte: Wikipedia

 

O equipo favorable á enerxía nuclear contará con físico de neutrinos e profesor no IKERBASQUE Juan José Gómez Cadenas e co catedrático de física atómica e nuclear na USC, Bernardo Adeva Andany. Na posición contraria estarán a profesora de Física da USC e especialista en desenvolvemento Sostible Ángeles Lopez Agüera e o enxeñeiro en Telecomunicacións e experto en Enerxía, sostibilidade e crecemento económico Marcel Coderch.

 

Ao longo das dúas edicións anteriores tratáronse temas como a experimentación animal, modificación xenética, industria alimentaria, seguridade e privacidade dixital, ciencia e inmortalidade ou ciencia e fe. Para tratar estes temas, visitaron a sala de debate reputados especialistas como JM Mulet, Antonio Martínez Ron, Paloma Llaneza, Julio Basulto, Marta Peirano, Anna Veiga, Fernando Savater, Lluís Montoliú, Óscar Horta, Jorge Mira, Fernando Sánchez Dragó ou Aubrey De Grey. 

 

Coas regueifas de Ciencia preténdese expor os argumentos das diferentes posturas arredor dun mesmo tema, traballando así a prol do coñecemento e por unha toma de decisións tanto individuais como colectivas máis informada.

 

Regueifiñas

 

Nesta edición de 2018, ademais de manter o formato e de volver organizar un dos debates con convidados internacionais, Regueifas de Ciencia amplíase coa convocatoria de Regueifiñas, dirixido a centros de ensino secundario, bacharelato e ciclos medios de formación profesional. 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta