Multa de 30.000 euros á mina de Touro por verteduras contaminantes a afluentes do Ulla

O PSOE do Pino denuncia que a empresa "pretende que non se facilite información" no proceso de reposición á legalidade da mina.

Por E.P. | O Pino-Touro | 19/09/2018 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

Augas de Galicia sancionou con 30.000 euros de multa á empresa mineira de Touro (A Coruña), Explotaciones Gallegas S.L., por unha "vertedura non autorizada de lixiviados" aos arroios Burgo e Brandelos, ambos os afluentes do río Ulla.

Verteduras da mina de Touro (A Coruña). ALDEA VIVA
Verteduras da mina de Touro (A Coruña). ALDEA VIVA | Fonte: Europa Press

A través dun comunicado, a Asociación Aldea Viva remitiu a resolución da Administración autonómica, recollida por Europa Press, na que se declara "responsable" a Explotaciones Gallegas por cometer esta infracción considerada "leve". Así mesmo, a organización lembrou que xa advertía que a empresa, propietaria dos terreos mineiros, "depositaba toneladas de residuos contaminantes que chegaban aos cursos fluviais", de modo que usaba a mina "como un macrovertedeiro, co risco que iso supón para o medioambiente e a saúde pública".

No expediente, segundo Aldea Viva, Augas de Galicia "deixa claro que a escusa da recuperación paisaxística que alega a empresa non lle permite realizar verteduras contaminantes ao dominio público". A pesar diso, a asociación di "botar en falta" medidas "para evitar novas verteduras", xa que, "a pesar de demostrarse os repetidos episodios de contaminación que está a provocar esta compañía, os seus responsables optan por tirar balóns fóra".

PROCEDEMENTO DO PINO

Por outra banda, o portavoz socialista no Concello do Pino, Óscar Vilar, denunciou que a empresa promotora da mina "pretende que non se facilite información" ao procedemento de reposición á legalidade que se atopa "en fase de estudo" pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta.

Este proceso foi iniciado "meses atrás", segundo lembra o concelleiro socialista, despois dun expediente sancionador do Consistorio á compañía "por danos en bens de titularidade pública" e a comprobación de que a empresa efectuaba os labores de extracción "carecendo da debida autorización municipal". Estas denuncias foron posteriormente trasladadas á APLU.

Coas súas alegacións, a empresa explotadora, censura Vilar, tamén "pon en dúbida o material probatorio" --consistente nun informe técnico, unha acta da Policía Autonómica e documentos gráficos--, ademais de solicitar "que, finalmente, o Concello do Pino arquive o asunto sen máis". Por todo iso, o portavoz socialista "lamenta esta actitude" da compañía, pois "o máis adecuado", ao seu modo de ver, "sería que recoñecesen os feitos". "Pero parece que nos queren tomar o pelo pretendendo que a Administración actúe de forma arbitraria", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta