O goberno vigués considera "claramente inconstitucional" a comisión do Marisquiño

O goberno local de Vigo afirmou que a comisión de investigación vulnera competencias municipais.

Por E.P. | VIGO | 19/09/2018 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

Así o mantivo en rolda de prensa o portavoz do devandito goberno, o concelleiro socialista Carlos López Font, quen confirmou que se dirixiu por carta ao portavoz de En Marea, Luís Villares, para convidalo a que propoña investigar o custo do concerto de The Pretenders e a compra de vivendas para aluguer social na Coruña.

PSOE Ve 'Inconstitucional' A Comisión Do Marisquiño
PSOE Ve 'Inconstitucional' A Comisión Do Marisquiño | Fonte: Europa Press

A ese respecto, sinalou que non debe sorprender esta proposta "dado que En Marea pediu unha comisión de investigación que pode vulnerar competencias municipais, e seguiu o camiño de inmiscuirse, o de ir por unha senda non constitucional". "En política, ás veces non vale só con pedir perdón, hai que investigar", apostilou López Font, quen afirmou que, "se o concerto que custou o dobre fose en Vigo, habería lea para meses".

"Non lles ten que parecer mal se pedimos que se investigue sobre outras actuacións moi graves. Non estamos dispostos a que se nos trate diferente que aos demais; se ten que haber unha comisión de investigación sobre O Marisquiño, que a haxa tamén noutros territorios", incidiu.

O concelleiro, quen eludiu aclarar se comparecerá na comisión parlamentaria en caso de ser citado, proclamou que o Concello de Vigo, cuxo goberno rexeitou crear unha comisión de investigación municipal sobre o accidente, defende "a súa autonomía e os seus dereitos".

López Font volveu a insistir en que a comisión do Parlamento sobre O Marisquiño é froito dun "posicionamento político" en contra da cidade. "O que procede é unha investigación xudicial, e o salto que se deu é querer investigar con finalidade política", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta