O TSXG ratifica a anulación do nomeamento do xefe de persoal do Concello de Ourense por irregular

Considera "rechamante" que as bases para o posto fosen "diferentes ás doutras catorce xefaturas" do Consistorio.

Por E.P. | OURENSE | 19/09/2018 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto polo Concello de Ourense e o xefe de recursos humanos do Consistorio ourensán contra a anulación do seu nomeamento, decretada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense.

Feijóo presenta a Jesús Vázquez nun almorzo informativo
Feijóo presenta a Jesús Vázquez nun almorzo informativo

Nunha sentenza emitida este mércores, a Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG considera que "resulta rechamante" que as bases para o posto fosen "diferentes ás doutras catorce xefaturas do mesmo Concello".

Ademais, tamén cuestiona que o mesmo se adxudicase, en xullo de 2016, a quen posúe unha licenciatura en Farmacia, "desconectada do perfil do posto, fronte a outros candidatos que presentan un perfil moito máis axustado, como un licenciado en Dereito, en Dirección e Administración de Empresas ou técnico da Administración Xeral".

O alto tribunal galego tamén ve acreditado que o procedemento do nomeamento estivo "precedido polas bases da convocatoria" cuxo contido considera "viciado". Así as cousas, sinala que é "imprescindible" a aprobación previa dunhas novas bases que substitúan ás afectadas "pola nulidade de pleno dereito a fin de respectar coas novas aqueles principios constitucionais que se observan e as esixencias contidas para o concurso específico na Lei 2/2015".

Desta maneira, a Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG comparte o criterio do xulgado de instancia de que, "a pesar de que o recorrente foi o candidato que obtivo maior puntuación no apartado de cursos, non é posible coñecer que cursos foron valorados, sendo así que algúns non teñen as horas de duración e non poderían computarse".

Así mesmo, os maxistrados destacan que "nada se di nesta apelación sobre o argumento ao redor de que ningún dos 17 títulos achegados ten relación coa área de recursos humanos nin coas funcións do posto convocado". O tribunal sinala que, no apartado relativo á memoria, o apelante "tamén é o candidato mellor valorado, pero non se ofrece xustificación de tal puntuación".

Segundo se recolle na sentenza, contra a mesma pode interporse recurso de casación ante a Sala Terceira do Tribunal Supremo ou ante a Sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza, sempre que se acredite nterese casacional.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, Ourense en Común emitiu un comunicado após a publicación da sentenza do TSXG no que esixe a dimisión da concelleira do grupo de goberno Flora Moure. Á súa vez, convocou aos medios de comunicación para unha rolda de prensa este xoves na que o seu portavoz no Concello, Martiño Xosé Vázquez Mato, e o seu homólogo no PSdeG, José Ángel Vázquez Barqueiro, valorarán a nulidade do xefe de persoal do Consistorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta