Localizadas preto de 700 plantas de marihuana nunha vivenda de Ribeira

Axentes da Policía Nacional detiveron a un veciño de Ribeira (A Coruña) ao que sorprenderon mentres realizaba un 'pase' de droga e en cuxo domicilio foron localizadas preto de 700 plantas de marihuana.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2018 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

Segundo informou o corpo, a detención produciuse no marco das investigacións realizadas contra o tráfico de drogas na localidade, cando, o pasado domingo, sorprenderon a un home realizando un 'pase' de droga. No seu poder localizouse ademais unha bolsiña de marihuana e outra de resina, preparadas para a súa venda.

Plantación de marihuana intervida pola Garda Civil. GUARDIA CIVIL
Plantación de marihuana intervida pola Garda Civil. GUARDIA CIVIL

Durante o rexistro da súa vivenda, os axentes atoparon unha plantación de marihuana composta por preto de setecentas plantas en distintos estados de crecemento, así como os elementos necesarios para o seu cultivo, tales como lámpadas, transformadores, deshumificadores, ventiladores, fertilizantes ou hidratantes.

Así mesmo, no domicilio tamén se interveu un laboratorio artesanal de elaboración de resina de haxix e todo o material necesario para o proceso, 200 gramos de resina de haxix, diñeiro en efectivo, dúas básculas de precisión e nove picadores de marihuana.

PLANTACIÓN EN LUGO

Por outra banda, a Policía Nacional de Lugo desmantelou unha plantación de marihuana oculta entre un maizal situado na parroquia de Labio, no termo municipal de Lugo.

A comezos do mes de agosto, un veciño alertou ás forzas da orde da existencia dunhas plantas que el non cultivara e que crecían ocultas no interior dun cultivo de millo. Desprazados ao lugar, os axentes descubriron un total de 33 plantas de marihuana de entre 1,80 e 2 metros de altura.

Segundo o relato policial, ante a "inminencia" da recollida do millo e sen saber a identidade dos propietarios da plantación ilícita, a Policía decidiu retirar as plantas, que arroxaron un peso total de 16 quilos unha vez retiradas as ramas.

DETIDO POR VENDA DE COCAÍNA

Ademais, a Policía Nacional detivo o pasado venres en Lugo a un mozo de 25 anos que vendía cocaína na súa vivenda, situada na zona centro da capital lucense.

Os veciños do inmoble alertaron ante o "fluxo constante" de persoas cara ao piso do detido, quen baixaba da vivenda para entregar as sustancias ou, nalgúns casos, lanzábaas desde a súa xanela.

Segundo o comunicado, a Policía tiña constancia de que o arrestado, que non contaba con antecedentes penais, era consumidor de cocaína. O detido enfróntase a un delito contra a saúde pública por venda de cocaína polo miúdo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta